Inicio Carballo ao día Novas Coa incorporación do alumnado de tres anos...

O MODELO DE CARBALLO IMPLÁNTASE EN ALLARIZ

Coa incorporación do alumnado de tres anos segue medrando a familia do Horto Infantil Ecolóxico Municipal

Os grupos de Infantil están completos, pero en Primaria hai prazas dispoñibles

Xoves 22 de febreiro do 2018

O grupo de nenos e nenas de tres anos, no seu primeiro día de actividade

O grupo de nenos e nenas de tres anos, no seu primeiro día de actividade

A familia do Horto Infantil Ecolóxico Municipal xa está completa despois da incorporación, este mércores pola tarde, dos 15 nenos e nenas de tres anos. Son os máis pequechos, e por iso temos unha programación especial para eles que se centra na parte de xardín ornamental e nas plantas aromáticas. Pero o Horto é unha actividade que abrangue moitas facetas, desde a educación ata a promoción da cultura do emprendemento, a socialización entre cativos/as de distintos colexios ou mesmo a psicomotricidade. No seu primeiro día, sen ir máis lonxe, os/as participantes adestráronse co manexo do sacho ou da carretilla, e moi pronto traballarán a psicomotricidade fina con tarefas como a selección de sementes.

As prazas para nenos/as de tres anos están completas e mesmo hai lista de agarda. Tampouco queda sitio na quenda de Infantil, onde temos outros 25 nenos e nenas, pero si en Primaria. Por iso, se algunha familia está interesada pode descargar a ficha de inscrición adxunta e entregala nas oficinas da Concellaría de Promoción Económica, situadas no Museo de Bergantiños.

Os nenos e nenas de Infantil e Primaria están centrados neste momento no acondicionamento dos bancais despois do inverno, pero a vindeira semana xa empezarán a preparar sementeiras para plantar na primavera. Este ano teremos leitugas, tomates, pementos, berenxenas, feixón verde... e algunha que outra sorpresa.

Visita de traballo a Allariz

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal de Carballo está a converterse nun modelo para outros concellos como o de Allariz, que quere importar o noso proxecto para poñer en marcha unha iniciativa semellante. De feito, o coordinador do Horto e o técnico de Medio Ambiente de Carballo xa realizaron unha primeira visita de traballo ao municipio ourensán, e mañá venres volverán para supervisar os traballos previos á posta en marcha do horto de Allariz.

En Carballo esta iniciativa non só se desenvolve nas instalacións da rúa Nardos, senón que, grazas ao Horto Viaxeiro, tamén chega aos colexios Xesús San Luís Romero, Fogar, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, CRA Ponte da Pedra e Escola Infantil As Landras, cun total de 1.600 participantes. Os traballos comezaron en outubro, pero proximamente haberá novidades. No San Luís Romero, unha vez finalizadas as obras do pavillón, procederase ao acondicionamento dunha parcela con bancais elevados adaptados tanto a Primaria coma a Infantil. E nos centros Fogar e Nétoma-Razo, así coma nas escolas de Sísamo, Cances e Artes, poñerase en práctica a vermicompostaxe.

Deste xeito, o horto segue a medrar e a avanzar cara un proxecto de futuro que se basea na educación en cuestións de economía, de cooperativismo e tamén de volver a vista ao medio rural, destacou. E como o Horto é un proxecto de promoción económica, este curso volverá a celebrarse a Pequefeira, na que nenos e nenas poderán comercializar o que ele e elas mesmas colleiten.

Descargas

Compartir: