Inicio Carballo ao día Novas Adxudicados por 261.000 euros os dous primeiros...

Adxudicados por 261.000 euros os dous primeiros proxectos de obras hidráulicas correspondentes ao canon da auga

A Xunta de Goberno Local aprobou licenzas para outra nave no polígono industrial de Bértoa e para catro vivendas unifamiliares

Luns 12 de marzo do 2018

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria de hoxe a adxudicación á empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino das dúas primeiras obras que se acometerán con cargo ao canon da auga: a rede de saneamento no Barral, Feira de Berdillo e Quintela, na parroquia de Artes, por 162.175,09 euros, e a ampliación tamén da rede de saneamento nas parroquias de Rus e Sofán, por 98.890,88 euros. O prazo de execución en ámbolos casos é de cinco meses.

O resto dos proxectos incluídos na primeira anualidade do canon da auga están en fase de contratación, polo que comezarán a ser unha realidade tamén nos vindeiros meses. As actuacións previstas son as seguintes:

  • Instalación dun sistema de desbaste automático na EDAR da Cepeira -que permitirá, por exemplo, evitar a entrada de toalliñas húmidas- e outras melloras nas redes de saneamento e abastecemento, cun orzamento de 614.481,32 euros.
  • Mellora das instalacións electromecánicas da ETAP e das EDAR de Carballo e Razo (258.616 euros).
  • Rede de saneamento en Vilar de Cidre, na parroquia de Razo (216.555 euros).
  • Rede de saneamento no Cadabuxo, A Ermida e A Rachola, na parroquia de Sofán (99.272 euros).
  • Rede de saneamento en A Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños, na parroquia de Entrecruces (254.009 euros).

No ano 2018, o canon da auga destinarase na súa totalidade ao financiamento da construción da rede de abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo, que ten un orzamento de 1,7 millóns de euros.

Outros acordos

Entre outros temas, na Xunta de Goberno Local tamén foron aprobadas facturas por importe de 38.571,84 euros, as autorizacións para dous vaos permanentes, licenzas para catro vivendas unifamiliares e unha nave industrial no polígono de Bértoa, as bases do XIV Premio a artigos xornalísticos normalizadores, a celebración da carreira popular 10K e a solicitude de subvencións á Deputación da Coruña para a limpeza de praias e para a creación dun espazo de traballo colaborativo.

Compartir: