Inicio Carballo ao día Avisos Xa temos datas para a sexta edición de...

Xa temos datas para a sexta edición de Carballo por Etapas: a última fin de semana de maio e a primeira de xuño

Os establecementos de hostalaría que queiran participar deben descargar o impreso de solicitude ao final desta nova e presentalo no Rexistro do Concello ata o 9 de abril

Mércores 21 de marzo do 2018

Dezaoito empresarios/as déronse cita no Museo de Bergantiños

Dezaoito empresarios/as déronse cita no Museo de Bergantiños

A sexta edición do Carballo por Etapas xa está en marcha. A dous meses da súa celebración, a popular ruta das tapas que organiza o Concello de Carballo coa colaboración con Axober está a pleno rendemento.

O Museo de Bergantiños acolleu a segunda reunión de traballo para avanzar nos preparativos do evento. Dezaoito empresarios e empresarias do sector da hostalaría acudiron á cita, na que xa quedou fixado o calendario previsto para este ano. Será a última fin de semana de maio (25, 26 e 27) e a primeira de xuño (1, 2 e 3). Os horarios non varían: os venres, de 20.00 a 22.00 horas, e os sábados e domingos, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00. Así mesmo, como xa vén sendo habitual, os clientes recibirán con cada tapa un boleto co que poderán acadar premios instantáneos. Neste senso, e ante a boa acollida da iniciativa, a organización está a estudar a posibilidade de incrementar o número de agasallos. O mesmo acontece co tren turístico, que este ano verá ampliado o seu horario coa intención de dar resposta á elevada demanda que ten entre o público familiar.

O que non variará será a calidade e a creatividade dos petiscos que se van degustar, nos que se promocionará a utilización de produtos locais.

Os establecementos que desexen sumarse á nova edición de Carballo por Etapas poden facelo cubrindo a solicitude que aparece ao final desta nova e presentándoa no Rexistro do Concello de Carballo, ben presencialmente ou de forma telemática, ata o vindeiro 9 de abril.

Para máis información, os/as interesados/as poden poñerse en contacto coa Oficina de Turismo do Concello de Carballo a través do número 981 702 077. Moi pronto teremos máis novidades. Seguide atentos/as!

Descargas

Compartir: