Inicio Carballo ao día Novas O alumnado do obradoiro de emprego remata a...

A ACCIÓN FORMATIVA SERÁ CLAUSURADA O MÉRCORES 28

O alumnado do obradoiro de emprego remata a súa formación coa instalación do mobiliario urbano que deseñou e construíu

O equipo directivo e docente destaca o gran aproveitamento do alumnado nos seis meses de duración do obradoiro e agarda acadar un índice de inserción laboral superior ao 30%

Venres 23 de marzo do 2018

Alumnos do obradoiro empezaron a colocar hoxe os novos bancos

Alumnos do obradoiro empezaron a colocar hoxe os novos bancos

O vindeiro mércores 28 tocará á súa fin o obradoiro de emprego de Revalorización de espazos urbanos, a primeira iniciativa formativa deste tipo que se leva a cabo no Fórum Carballo e que permitiu iniciar no mundo da carpintería de madeira a 11 mozos e unha moza de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.

Despois de seis meses de formación, fundamentalmente práctica, o alumnado do obradoiro deixará a súa pegada nas rúas de Carballo. Hoxe mesmo comezaron a instalación de bancos na zona da Praza do Concello que linda coa rúa Colón. Os novos asentos foron deseñados no propio obradoiro a partir dun proxecto inicial do seu director, Andrés Seoane, e os mozos e mozas encargáronse da súa construción dirixidos polo profesor de carpintería. Tamén colaborou o curso AFD de soldadura que se está a impartir no Fórum, que se encargou de realizar a parte metálica. O luns volverán á Praza do Concello para retirar os vellos bancos de todo o espazo comprendido entre a pista multideporte e a rúa Colón e colocar os novos.

No obradoiro deseñaron asentos colectivos e individuais

No obradoiro deseñaron asentos colectivos e individuais

A dotación de mobiliario urbano estenderase á rúa Martín Herrera, pero o alumnado de carpintería tamén realizou outro mobiliario, en concreto un aparador de estilo antigo para a Escola de Hostalaría e varios mobles de estantes para o novo centro social de Ardaña. Desde este punto de vista, a acción formativa que agora remata tamén permite completar distintos proxectos urbanísticos con elementos que achegan un deseño propio e un plus de calidade.

Pero o obxectivo principal do obradoiro, financiado pola Xunta de Galicia, é a formación do alumnado para facilitar a súa integración no mundo laboral, e nese sentido as expectativas tamén son boas. A única alumna do curso xa está traballando no sector, e o equipo directivo e docente agarda acadar un índice de inserción superior ao 30%. Neste sentido destacan o gran aproveitamento do curso que realizou o alumnado en só seis meses e malia carecer de experiencia algunha na carpintería. O mércores 28 recibirán os seus diplomas.

Compartir: