Inicio Carballo ao día Novas Avanzan as obras de mellora da rede viaria do...

Avanzan as obras de mellora da rede viaria do polígono de Bértoa, cofinanciadas polo Concello e a Deputación

O luns 26 de marzo a partir das 08.30 horas procederase ao asfaltado da rotonda do Escalo, polo que se prevén retencións de tráfico

Sábado 24 de marzo do 2018

As obras de mellora da rede viaria do parque empresarial de Bértoa, cofinanciadas polo Concello de Carballo e a Deputación da Coruña con 109.894,21 euros, xa están en marcha.  O proxecto, que executa a empresa Arias Infraestruturas SA, inclúe a reparación e posterior pavimentación de varias vías de titularidade municipal no polígono desenvolvido por iniciativa privada, concretamente das rúas Cobre (758,91 metros), Bronce (1.100 m.), Lousa (370,53 m.), Titanio (707,26 m.), Ferro (539,46 m.) e Estaño (146,67 m.), cunha lonxitude total de 3,62 quilómetros.

Dentro desta actuación, para este luns 26 de marzo está previsto o asfaltado da rotonda do Escalo, situada xunto ao viveiro de empresas no acceso ao polígono. Os traballos empezarán ás 08.30 horas e non obrigarán a cortar o tráfico, pero si se prevén retencións como consecuencia do seu desenvolvemento. A intención da empresa é executar as obras por carrís, de tal xeito que sempre quede un dispoñible para a circulación. Desde o Concello de Carballo pedimos desculpas anticipadas polas molestias que poidan sufrir os/as condutores/as.

Rotonda do

Rotonda do "Escalo"

As obras que se levan a cabo no parque empresarial dan resposta ás demandas da comunidade de propietarios e consisten no fresado e reparación das gretas, fisuras e fochancas existentes e a posterior aplicación dunha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente de 6 centímetros de espesor, estendida e compactada, que axustará a rasante ás zonas contiguas en bo estado, mellorando notablemente as condicións da circulación. Así mesmo, construirase un novo tramo de beirarrúas de 26 metros de longo e 2 de ancho ao longo na rúa Titanio, mellorando tamén a seguridade peonil na zona. Os traballos rematarán co pintado das marcas viarias, pasos de cebra e límites de velocidade, e a reposición da sinalización horizontal e vertical.

Este novo investimento completa a actuación que está levando a cabo a empresa Lancer Proyectos y Obras por un importe de 112.825,49 euros que tamén son cofinanciados polo Concello de Carballo (20%) e a Deputación da Coruña (80%). Neste caso os traballos consisten, na creación de 78 prazas de aparcamento na rúa Bronce, a mellora da zona verde e a instalación na rúa do Cobre dunha barreira para facilitar o control nocturno de acceso de vehículos ao polígono.

Compartir: