Inicio Carballo ao día Novas O Concello cumpriu a regra de gasto por 6.220,18...

LIQUIDACIÓN DO ORZAMENTO 2017

O Concello cumpriu a regra de gasto por 6.220,18 €, o que significa que non podía investir máis malia estar na mellor situación económica da historia

O alcalde e a concelleira de Facenda volveron a reclamar hoxe do Goberno Central que permita ás Administracións saneadas aumentar o gasto para atender as demandas veciñais

Venres 13 de abril do 2018

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero deron a coñecer hoxe o resultado da liquidación

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero deron a coñecer hoxe o resultado da liquidación

Os datos correspondentes á liquidación do orzamento do 2017 reflicten, en palabras de Evencio Ferrero, “a excelente saúde económica do Concello de Carballo e a irracionalidade da regra de gasto”. O alcalde refírese a que, malia estar na mellor situación económica da historia, con máis de 12 millóns de euros de tesourería, un remanente de máis de 9 millóns, un superávit de 1,4 millóns e un resultado orzamentario de máis de 4 millóns, o Concello de Carballo  esgotou o teito de investimento que ten marcado polo Ministerio de Facenda.

A regra de gasto cumpriuse por 6.220,18 euros, o que supón, explicou Evencio Ferrero, “que non podíamos gastar máis, porque iso significaría incumprir a regra de gasto, o que implicaría ter que facer un plan de axuste e estar dando contas ao Ministerio de Facenda continuamente. Isto é unha irracionalidade. Con estes números, que plan de axuste hai que facer se estamos xerando máis ingresos do gasto que nos permiten facer?”, pregúntase o alcalde.

Evencio Ferrero e Belén Lendoiro, concelleira de Facenda, fixeron públicos hoxe, despois de trasladarllos aos voceiros dos partidos da oposición, os datos da liquidación orzamentaria, que reflicten que o Concello de Carballo seguiu mellorando no ano 2017 a súa situación económica. Estes son os números:

  • Tesourería: 12.427.222,29 €
  • Resultado orzamentario: 4.263.028,48 €
  • Remanente de tesourería para gastos xerais: 9.322.897,52
  • Aforro bruto e neto: máis de 4 millóns de euros
  • Superávit: 1.399.007,26 €
  • Teito de gasto: 2,06 % (o límite marcado polo Ministerio de Facenda era o 2,1%)

“Como explicamos aos veciños e veciñas que con 12 millóns de tesourería non podemos atender as demandas que nos presentan? Agardamos que, dunha vez, ás Administracions que cumprimos nos deixen investir o remanente”, reivindicou unha vez máis o alcalde

O alcalde de Carballo considera especialmente inxustificado o feito de que quen impide aos concellos aumentar o investimento sexa o Estado, que é “o maior incumpridor das súas propias previsións de gasto”. “Agora –engadiu- xa hai tamén catro comunidades autónomas en superávit, curiosamente, ningunha delas gobernada polo PP. Polo tanto, as Administracións gobernadas polo PP son as que máis incumpren a regra de gasto, e os que axustamos e cumprimos vemos como despois non se nos deixa reinvestir no benestar dos veciños e veciñas”.

Evencio Ferrero engadiu que despois de acadar unhas cifras “históricas” é difícil explicar á poboación que non podes acometer as melloras que demandan. “Como explicamos aos veciños e veciñas que con 12 millóns de tesourería non podemos atender as demandas que nos presentan? Agardamos que, dunha vez, ás Administracions que cumprimos nos deixen investir o remanente”, reivindicou unha vez máis o alcalde.

Compartir: