Inicio Carballo ao día Novas Lembramos a obrigatoriedade de pasear aos cans...

Lembramos a obrigatoriedade de pasear aos cans con correa polos espazos públicos e de recoller os seus excrementos

Non levar bolsas para recoller as dexeccións supón unha sanción de 50 euros, e deixalas en zonas peonís eleva a multa ata os 250 euros

Luns 16 de abril do 2018

Nos espazos públicos hai carteles que lembran a normativa

Nos espazos públicos hai carteles que lembran a normativa

Para garantir o aproveitamento e o desfrute dos espazos públicos por parte de toda a sociedade é preciso que todas e todos respectemos as ordenanzas que regulan determinados aspectos da convivencia no noso concello. Entre elas, dentro da normativa relativa á tenencia de animais domésticos, figura a obrigatoriedade de que os cans circulen suxeitos con colar e correa polos espazos públicos.

Nos últimos días vimos recibindo queixas sobre a presenza de cans soltos en lugares como o Paseo do Anllóns, polo que unha vez máis apelamos á responsabilidade e á sensibilidade dos/as propietarios/as de cans para co resto dos/as usuarios/as deses espazos. No caso de cans potencialmente perigosos, será obrigatoria a utilización de correa de menos de dous metros de lonxitude e de bozo homologado e axeitado para a súa raza, e en ningún caso poderán ser conducidos por menores de 16 anos.

Ademais da obrigatoriedade da correa, a ordenanza municipal prohibe que os/as propietarios/as de cans deixen as deposicións dos seus animais na vía pública. Polo contrario, están obrigados/as a recollelas e depositalas dunha maneira hixienicamente aceptable nos colectores de lixo, nunca en papeleiras nin na rede de sumidoiros.

Sancións

Estas condutas, ademais de poñer en evidencia unha falta de civismo, constitúen infraccións da normativa que poden supoñer multas económicas. Así, por exemplo, levar un can potencialmente perigoso sen bozo ou sen correa por un lugar público está considerado unha falta grave que pode significar ata 1.200 euros de sanción. Non levar bolsas para recoller os excrementos implica 50 euros de multa, e deixalos na vía pública eleva a sanción ata 250 euros.

Compartir: