Inicio Carballo ao día Novas As Xornadas Empresariais regresan a Carballo para...

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN

As Xornadas Empresariais regresan a Carballo para impulsar experiencias empresariais de éxito

Antonio Álvarez, promotor da iniciativa; Luis García, colaborador, e Evencio Ferrero presentaron o programa que se desenvolverá os días 10, 22 e 29 de maio

Martes 17 de abril do 2018

Antonio Álvarez, Evencio Ferrero e Luis García, na presentación das xornadas

Antonio Álvarez, Evencio Ferrero e Luis García, na presentación das xornadas

Carballo será a sede, por terceiro ano consecutivo, das Xornadas Empresariais de Bergantiños, unha iniciativa da empresa Eurogabinete -coa colaboración do Concello, o Ministerio de Economía e a asociación para o impulso do desenvolvemento sostible Castaño y Nogal- que ten como obxectivo reducir o elevado índice de fracaso empresarial para, pola contra, impulsar experiencias emprendedoras de éxito. Poñentes de “moito nivel” e un programa especialmente deseñado para dar resposta a necesidades reais converten estas xornadas, en palabras do seu organizador, Antonio Álvarez González, “no mellor foro empresarial de Galicia”.

Álvarez, que presentou o programa acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e polo director de Fonteboa, Luis García, explicou que é preciso seguir celebrando este tipo de xornadas porque cada ano “pechan máis empresas das que deberían”, fundamentalmente, na súa opinión, por “confianzas, malos consellos e falta de capitalización”. As Xornadas Empresariais tratan de poñer as bases para que iso non ocorra, porque “non se pode iniciar unha viaxe empresarial en Concorde e rematala nunha corredoira”, sinalou, graficamente, o promotor da iniciativa.

Luis García, que o ano pasado asistiu como público ás charlas, estableceu a partir de aquel momento, segundo expuxo, unha relación “profesional e de amizade” con Antonio Álvarez da que xurdiu a súa participación na organización das Xornadas Empresariais a través da Asociación Castaño y Nogal. Entre outras achegas, Luis García organiza unha mesa redonda na que se exporán casos de empresas de éxito vinculadas ao sector primario.

O alcalde, pola súa banda, apuntou que as Xornadas Empresariais de Berganiños veñen “reforzar o papel de Carballo e do empresariado que apostou polo noso concello”. Nese sentido destacou que, unha vez máis, o polígono industrial de Bértoa foi, con moita diferenza, o máis solicitado na última adxudicación de solo por parte de Xestur, cun total de 44.050 metros cadrados, e insistiu na necesidade de seguir desenvolvendo solo industrial.

As Xornadas Empresariais de Bergantiños celebraranse os días 10, 22 e 29 de maio, a partir das 17.00 horas, no Fórum Carballo. O prazo de inscrición está aberto. A participación é de balde. No documento adxunto podedes consultar o programa completo.

Ligazóns

Descargas

Compartir: