Inicio Carballo ao día Novas Evencio Ferrero asinou os contratos de...

Evencio Ferrero asinou os contratos de dúas obras que permiten seguir mellorando os servizos nas zonas urbana e rural

O Concello de Carballo inviste 156.582 euros no proxecto de reurbanización da rúa Río e 72.766, na extensión da rede de saneamento na parroquia de Sofán

Martes 15 de maio do 2018

O representante da empresa IAM Rumbo asinou o contrato da rúa Río

O representante da empresa IAM Rumbo asinou o contrato da rúa Río

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe outros dous contratos para a execución de obras que nos permiten seguir mellorando os servizos, tanto na zona urbana coma na rural.

Na vila de Carballo comezarán en breve as obras de renovación integral da rúa Río, que serán executadas pola empresa IAM Rumbo Instalaciones y Obras cun orzamento de 156.582,18 euros. A rúa Río, paralela á Fomento e moi próxima ao río Anllóns, presenta na actualidade numerosas carencias. A simple vista a que máis chama a atención son as beirarrúas, das máis estreitas de Carballo; pero debaixo da superficie as canalizacións de abastecemento de auga e saneamento son de fibrocemento, e as redes de electricidade e telefonía son aéreas.

Coa actuación prevista, que será financiada con cargo ao plan da Deputación POS +, serán substituídas as redes de auga e saneamento, realizaranse as acometidas aos 24 solares da rúa, e tamén se canalizarán as pluviais. Ademais instalaranse soterradas as canalizacións de electricidade, teléfono, cable e gas, e colocaranse 9 puntos de luz.

Polo que respecta ao tratamento en superficie, a rúa Río será semipeonil, en plataforma única, con distintos pavimentos de granito para a zona de circulación rodada e as peonís. Ademais da renovación dos servizos urbanísticos e da mellora da mobilidade peonil e a accesibilidade, o proxecto contribuirá tamén á mellora da imaxe urbana coa plantación de árbores e o axardinamento.

Saneamentos en Sofán

Vázquez y Reino executará os saneamentos en Sofán

Vázquez y Reino executará os saneamentos en Sofán

A empresa Construcciones Vázquez y Reino, pola súa banda, executará o segundo contrato asinado hoxe, que consiste na extensión da rede de saneamento pola parroquia de Sofán. O proxecto, cun orzamento de 72.766,98 euros, inclúe a instalación de 458 metros de canalización no lugar do Cadabuxo, 256 en A Ermida e 918 na Rachola, cos correspondentes pozos de rexistro.

Compartir: