Inicio Carballo ao día Novas A II Ruta de Autocaravanas Nómadas...

A II Ruta de Autocaravanas Nómadas Solidarias sairá o día 25 de Carballo para volver a levar axuda humanitaria a Malawi

Profesorado de FP, a empresa Nómadas Motorhome e o Concello colaboran na iniciativa que promove a ONG Operación Pangono Pangono

Sábado 19 de maio do 2018

Plácido Villaverde, Milagros Lantes e Ricardo Baamonde, hoxe en Razo

Plácido Villaverde, Milagros Lantes e Ricardo Baamonde, hoxe en Razo

A solidariedade volverá a viaxar en autocaravana grazas a unha iniciativa da ONG Operación Pangono Pangono, que conta coa colaboración de profesorado de FP, da empresa carballesa Nómadas Motorhome e do Concello de Carballo. Precisamente hoxe presentaron en Razo, coa participación da concelleira Milagros Lantes, a iniciativa solidaria que pretenden desenvolver, que consiste na ampliación do sistema fotovoltaico instalado o ano pasado nunha residencia para nenas de Malawi xestionada por unha congregación relixiosa.

Ricardo Baamonde, presidente da ONG, que estivo acompañado por Plácido Villaverde en representación de Nómadas Motorhome, comentou os problemas de abastecemento de electricidade que sofre a comunidade, coa que contactou a través dunha relixiosa de Ponteceso que promoveu a creación da residencia xa hai anos, e que está a desenvolver un labor impagable tanto desde o punto de vista educativo, coma sanitario e mesmo social, tratando de visibilizar á muller a través da súa integración laboral.

A II Ruta de Autocaravanas Nómadas ten como finalidade conseguir os fondos necesarios para financiar a adquisición do material para o sistema fotovoltaico. “Todo o que conseguimos é para o material, e con axuda de empresas, familiares, amigos e colaboradores conseguimos facer instalacións moi sinxelas, pero que para eles teñen un valor incalculable”, explicou Ricardo Baamonde. A axuda vai chegando “pouco a pouco”, que vén sendo o significado de “pangono pangono”.

Polo momento hai 10 autocaravanas inscritas. Este ano a ruta durará un día máis. Arrancará o 25 de maio de Carballo e rematará o 27 en Balarés (Ponteceso), despois de pasar por Muros. As persoas interesadas están aínda a tempo de anotarse. Na ligazón inferior atoparás máis información sobre o proxecto e os datos de contacto.

Milagros Lantes louvou e agradeceu o labor solidario de entidades como Operación Pangono Pangono e reiterou o apoio do Concello de Carballo, que, coma membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, ten colaborado en numerosos proxectos de axuda ao desenvolvemento en todo o mundo.

Ligazóns

Compartir: