Inicio Carballo ao día Novas En Carballo seguimos ampliando os fondos...

DO 23 DE MAIO AO 3 DE XUÑO

En Carballo seguimos ampliando os fondos artísticos do noso museo ao aire libre cunha nova edición do Rexenera Fest

Cinco artistas encherán de cor novos muros na avenida da Cristina e nas rúas Igrexa, Río, Alfredo Brañas e Vila de Laxe

Luns 21 de maio do 2018

As paredes cheas de cor seguen a gañar terreo en Carballo, e o museo ao aire libre que fomos creando nos últimos anos a través dos proxectos Derrubando Muros con Pintura e Rexenera Fest continúa a ampliar os seus fondos. Do 23 de maio ao 3 de xuño volveremos a celebrar o festival internacional de arte urbana que tanto ten contribuído á rexeneración do espazo urbano e a facer do defecto virtude, convertendo antiestéticas medianeiras en xigantescos lenzos ao aire libre abertos á creatividade, ao diálogo e á expresión artística.

Bosoletti (Arxentina), Lula Goce (Galicia), Doa (Galicia), Daniel Muñoz SAN (Cáceres) e Milu Correch (Arxentina) son os cinco muralistas convidados á 4ª edición do Rexenera Fest, e para que poidades seguirlles a pista facilmente, aquí están as rúas nas que pintará cada un/ha deles/as: Avenida da Cristina, rúa da Igrexa, Río, Alfredo Brañas e Vila de Laxe.

Cinco artistas, cinco visións

Lula Goce (Galicia): Rúa Igrexa. Licenciada en Belas Artes, ten deixado a súa pegada artística en paredes de Alemaña, Italia ou Irlanda; pero tamén moi preto do seu lugar de nacemento, Baiona, con traballos en Vigo, Santiago ou Cambados, e noutros puntos de España. O seu traballo artístico sempre estivo vinculado á arte urbana, con murais e intervencións efémeras en espazos públicos, fábricas ou lugares abandonados. Na súa obra destaca a fusión entre a natureza humana e a vexetal.

Daniel Muñoz "SAN" (Cáceres): Rúa Alfredo Brañas. Nos últimos anos realizou numerosas exposicións e intervencións en Europa, Norte América, Suramérica, Rusia e Oriente Medio. A súa obra é marcadamente figurativa, tratando de achegar as súas mensaxes ao maior número de persoas posible.

Bosoletti (Arxentina): Avenida da Cristina. Criado en Armstrong, unha pequena vila da provincia de Santa Fe, Francisco Bosoletti mantén unha ollada pura e primixenia sobre a vida, a natureza e a humanidade. Baseado nun estilo clásico, o traballo de Bosoletti apoiase en simbolismos, en representacións humanas ou en fortes apelacións visuais. Bosoletti traballa con figuras en conxunto cos elementos da natureza, particularmente as femininas e os seus destinos.

Doa (Galicia): Rúa Río. Doa Ocampo é unha creadora nacida en Sober (Lugo). Dende nena sempre lle gustou o debuxo, a pintura e a fotografía, entre outras disciplinas. Despois de realizar os primeiros estudos envorcouse de cheo para lograr unha formación especializada. Estudou o grao de Belas Artes e o de técnico superior en fotografía, formándose artisticamente entre Galicia, México e Portugal. A partir de aí comezou a súa carreira explorando diferentes facetas, e, no caso da arte urbana, ten pintado murais tanto no seu concello natal de Sober, como por toda a xeografía galega e española. Na actualidade, a súa obra céntrase no proxecto Reforestando: pensando na transformación do espazo público, mediante a intervención mural “site specific” de temática vexetal, coa única ambición de facer renacer as zonas nas que actúa.

Milu Correch (Arxentina): Rúa Vila de Laxe. Sempre garabateou máis alá das súas actividades principais e fai uns anos aprendeu a pasar pequenas imaxes a metros cadrados. Os muros fóronse agrandando e sumando, o que lle permitiu viaxar con brocha e rolo en man. Manchou paredes na súa cidade natal, outras cidades arxentinas e outras tantas doutro lado do océano. Agora segue pintando tratando de mellorar muro a muro, pincelada a pincelada. A finais de 2017 a web holandesa Street Art Today escolleu unha das súas obras como un dos sete mellores murais do mundo do mes de novembro. Nos últimos tempos comezou unha serie de murais de bruxas... Haberá que ver se unha delas aterra en Carballo.

Moito máis ca murais

O Rexenera Fest vai moito máis alá do traballo dos/as artistas nas paredes. O festival internacional de arte urbana implica tamén á cidadanía a través de actividades abertas coma seminarios, masterclasess, microconferencias, música en directo ou rutas guiadas. Estas son as propostas, pero se queres coñecer os detalles e inscribirte nalgunha delas entra na web do Rexenera Fest. Atoparás a ligazón máis abaixo.

Ligazóns

Compartir: