Inicio Carballo ao día Novas As novas canles de venda na era dixital centran o...

As novas canles de venda na era dixital centran o programa da segunda sesión das Xornadas Empresariais de Bergantiños

O Fórum Carballo volve a converterse este martes no punto de encontro de empresarios e emprendedores de toda a zona

Luns 21 de maio do 2018

As xornadas foron inauguradas polo alcalde o día 10

As xornadas foron inauguradas polo alcalde o día 10

Carballo acolle por terceiro ano consecutivo as Xornadas Empresariais de Bergantiños, unha iniciativa da empresa Eurogabinete -coa colaboración do Concello, o Ministerio de Economía e a asociación para o impulso do desenvolvemento sostible Castaño y Nogal- que ten como obxectivo reducir o elevado índice de fracaso empresarial para, pola contra, impulsar experiencias emprendedoras de éxito. Nunha iniciativa destas características non podían obviarse as novas canles de venda da era dixital, e precisamente este aspecto centra o programa de hoxe.

Despois da inauguración das xornadas o pasado día 10 por parte do alcalde, Evencio Ferrero, nesta ocasión o Fórum Carballo acollerá a expertos en comunicación e venda dixital. Comezará Tahis Pérez Losada, enxeñeira industrial, ás 17.00 horas coa charla Dixitalización dos procesos e deseño de produtos. Importancia do márketing na venda dixital.

A continuación Diego Fraga, enxeñeiro electrónico e director técnico e de estratexia de vendas de www.tamarino.es, falará sobre Os novos procesos e oportunidades da venda online.

Para pechar esta segunda sesión das Xornadas Empresariais, o avogado e organizador da iniciativa Antonio Álvarez, explicará os Riscos e condicionantes da consolidación e supervivencia empresarial.

As Xornadas Empresariais de Bergantiños continuarán o día 29 con outro interesante programa.

Compartir: