Inicio Carballo ao día Novas As bandeiras azuis ondearán a partir do...

O SERVIZO DE SALVAMENTO XA ESTÁ OPERATIVO

As bandeiras azuis ondearán a partir do venres nas praias de Pedra do Sal, As Saíñas e Razo

Este ano no noso litoral tamén teremos dous certificados de calidade ambiental e un sendeiro azul

Mércores 13 de xuño do 2018

O concelleiro Marcos Trigo acudiu hoxe á Coruña ao acto de entrega das bandeiras azuis outorgadas por Adeac-Fundación para a Educación Ambiental. No noso litoral ondearán este ano nas praias de Pedra do Sal, As Saíñas e Razo. O venres procederemos á súa colocación, por esa orde, a partir das 18 horas. Ademais das tres bandeiras azuis, o traballo de mellora permanente dos servizos e da calidade ambiental vén de ser recoñecido tamén cun Sendeiro Azul para a Senda do Mar Razo-Baldaio.

Pero en Carballo imos aínda máis alá, e de novo este verán contaremos nesas tres praias con dúas das certificacións ambientais máis esixentes no que a xestión ambiental se refire: o ISO 14.001:2004 e o Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS), considerado o de maior prestixio dos que están implantados en Europa. Carballo é o único concello da Costa da Morte, e un dos poucos de Galicia, que conta con estes certificados de calidade, que  implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións.

Nese obxectivo permanente da mellora dos servizos, o 1 de xuño comezou a temporada alta para o servizo de limpeza nos areais de Razo, As Saíñas, Pedra do Sal, Arnela e Leira, con traballos diarios de posta a punto tanto nas propias praias como nos accesos, aparcadoiros, zonas verdes, postos de socorristas, servizos hixiénicos e baleirado de papeleiras. A limpeza realizarase con medios mecánicos agás nas zonas de aniñamento da píllara das dunas. Tamén se procedeu nos últimos días ao lavado de todos os colectores de lixo por parte da empresa concesionaria do servizo de recollida. E o sábado 9 empezaron a traballar os primeiros integrantes do equipo de salvamento e socorrismo, que intentaremos reforzar a partir de xullo.

Compartir: