Inicio Carballo ao día Novas A Policía Local intensificará a...

A ZONA AZUL QUEDARÁ SEN EFECTO DO 21 AO 26

A Policía Local intensificará a súa presenza nas rúas con motivo das festas de San Xoán

Ata 23 axentes prestarán servizo nos días de maior afluencia de público para “garantir a seguridade cidadá e a convivencia pacífica”, segundo indica o xefe da policía

Luns 18 de xuño do 2018

O grupo italiano Zen Garden ofreceu este sábado un concerto de tributo a U2

O grupo italiano Zen Garden ofreceu este sábado un concerto de tributo a U2

Policía Local e Garda Civil traballarán coordinados durante a semana grande das festas de San Xoán, que arrancaron o día 8 coa multitudinaria actuación da orquestra París de Noia e continuaron esta fin de semana co tributo a U2 do grupo italiano Zen Garden. O xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, explica que se vai prestar “unha especial atención á seguridade cidadá, sobre todo nas quendas de noite, dispoñendo entre ámbolos dous corpos policiais dun mínimo de entre catro e cinco patrullas para a noite, que nos días de maior afluencia de público estarán reforzadas por máis unidades especializadas da garda civil (USECI)”.

O dispositivo especial de seguridade, que implicará ao 100% dos axentes da Policía Local, estará operativo entre os días 21 e 25 “para que ningún acto das festas patronais de Carballo quede sen presenza policial axeitada”, indica Mosquera. Nos días de maior afluencia de público estarán de servizo ata 23 axentes, o que supón que nalgunhas quendas triplicarase o número habitual de policías.  O obxectivo, como apunta o xefe da policía, é «alcanzar un clima de seguridade e tranquilidade para estas celebracións, evitando todo tipo de altercado, tanto de incidencias como accidentes, coa intención de previlos en lugar de sancionar unha vez que se produzan. Extremarase a vixilancia en horas nocturnas reforzando o servizo todos os días. Nos actos programados os efectivos policiais actuarán para que o calendario festivo transcorra con total normalidade e coa vistosidade que merecen”.

En total realizaranse ao longo destes cinco días case un cento de servizos. A presenza policial será constante nas zonas de maior afluencia, nas que patrullarán entre un mínimo de cinco e nove axentes locais en quenda, dependendo do momento e o acto para celebrar. Por iso en horas nocturnas a presenza policial será todos os días de festexos dun mínimo de dúas ou tres patrullas na rúa (6-8 axentes).

Paralelamente despregaranse controis de seguridade cidadá, e patrullarase polas zonas e actos de máxima aglomeración de persoas. Nestes lugares procurarase garantir a seguridade cidadá e a convivencia pacífica ante actos delituosos ou altercados como pelexas, actuación de carteiristas ou comisión de actos vandálicos e así tratar de que haxa o mínimo de incidencias posibles e as que haxa sexan inevitables e se solucionen canto antes.

Peche de rúas e zona azul

Durante a Semana Grande de Carballo, a Policía Local modificará as pautas de circulación habituais nun total de 12 rúas, entre as que se atopan a Gran Vía, á altura da rúa do Sol, e a Praza de Galicia, coincidindo coas procesións relixiosas. Dende as 22.00 horas pechásese a rúa Estrela. Ademais, todo o circuíto da Praza do Concello, que inclúe as rúas Cervantes, Desiderio Varela, Coruña e Hórreo, quedará cortado ao tráfico durante as festas para facilitar o tránsito dos peóns.

Do 21 ao 26 de xuño tamén quedará sen efecto a ordenanza reguladora da zona azul, o que supón que o aparcamento será libre.

Desde a Concellaría de Tráfico pedimos desculpas de antemán polas molestias que poidan ocasionar o peche de rúas e convidamos a comunicar calquera anomalía detectada chamando á Policía Local (981 701 722), á Garda Civil (981 704 065) ou ao número de emerxencias 112.

Compartir: