Inicio Carballo ao día Novas Escolares de primaria coñecen o ciclo da...

CONCURSO “RUÍNS COA AUGA”

Escolares de primaria coñecen o ciclo da auga nunha visita guiada por distintas instalacións municipais

O concelleiro Luis Lamas acompañou aos nenos e nenas nun percorrido que comezou na captación do río Bardoso e rematou na EDAR de Razo

Martes 19 de xuño do 2018

Todas/os as/os participantes, xunto ao depósito de Seixo Branco

Todas/os as/os participantes, xunto ao depósito de Seixo Branco

As gorras que lles entregamos aos nenos e nenas ao comezo da excursión viñéronlles de perlas, porque o sol e o calor acompañounos durante toda a visita guiada por distintas instalacións municipais do ciclo da auga. Hoxe foi día de premio para os/as preto de 60 escolares seleccionados no concurso Ruíns coa auga, convocado polo Concello de Carballo e Gestagua para sensibilizar á poboación escolar sobre o perigo que supoñen axentes contaminantes que utilizamos na nosa vida cotiá para a auga e para o medio ambiente.

Na EDAR da Cepeira coñeceron o tratamento das augas residuais

Na EDAR da Cepeira coñeceron o tratamento das augas residuais

A xornada comezou cunha xuntanza de todos os coles nas oficinas de Gestagua, da que os nenos e nenas saíron equipados con gorras e camisetas. Dous autobuses trasladáronos ata a captación do río Bardoso, en Sofán, onde comezou un percorrido que os levou tamén polo depósito de Seixo Branco, moi pretiño; a EDAR da Cepeira, onde coñeceron de primeira man o tratamento que reciben as augas residuais, e a EDAR de Razo.

Durante parte do percorrido estiveron acompañados polo concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, que destacou a importancia de que a cidadanía, empezando pola infancia, coñeza as instalacións municipais que garanten o servizo de abastecemento e saneamento de auga á maior parte da poboación.

Compartir: