Inicio Carballo ao día Novas O luns 23 celebrarase no Fórum unha charla...

O luns 23 celebrarase no Fórum unha charla informativa sobre as distancias das plantacións establecidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais

O xefe do Distrito Forestal II Bergantiños-Mariñas Coruñesas, Manuel Capón Domínguez, explicará o contido da lei nun acto aberto a toda a cidadanía

Martes 17 de xullo do 2018

O Concello de Carballo quere achegar á poboación toda a información relativa ao cumprimento da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais (3/2007), que obriga aos titulares de fincas a mantelas limpas e a abrir franxas de xestión de biomasa que garanta a seguridade das persoas e das edificacións. Con esa intención, en colaboración coa Xunta de Galicia, para o vindeiro luns 23, a partir das 20.00 horas, está prevista no auditorio do Fórum Carballo unha charla informativa que será impartida por Manuel Capón Domínguez, xefe do Distrito Forestal II Bergantiños-Mariñas Coruñesas.

O acto está aberto a toda a cidadanía. O obxectivo é explicar o contido da lei e de que maneira afecta, no que respecta ás distancias que deben gardar as plantacións forestais con respecto a vivendas e vías, aos veciños e veciñas do noso concello, que está incluído dentro da zona de alto risco de incendios. A defensa e protección contra os lumes forestais debe ser un asunto prioritario para todas e todos para así poder plantarlle cara ao lume e poñer fin a unha praga que cada ano arrasa milleiros de hectáreas e que mesmo ten provocado a perda de vidas humanas en Galicia.

Desde a Concellería de Obras e Servizos faise un chamamento á veciñanza de todo o concello para que acuda a charla e obteña así información de primeira man.

Compartir: