Inicio Carballo ao día Novas A ONCE e o Concello de Carballo reforzarán...

A ONCE e o Concello de Carballo reforzarán a colaboración nas actuacións encamiñadas á mellora da accesibilidade

O alcalde, a concelleira de Mobilidade e o concelleiro de Obras e Servizos mantiveron hoxe unha xuntanza co presidente galego e outros representantes da organización

Xoves 19 de xullo do 2018

A xuntanza celebrouse a última hora da mañá na Alcaldía

A xuntanza celebrouse a última hora da mañá na Alcaldía

A colaboración entre a ONCE e o Concello de Carballo en materia de accesibilidade deixará de ser unha cuestión puntual. O goberno municipal quere que Carballo siga sendo un exemplo de boas prácticas, e nese sentido contará co asesoramento do equipo técnico da ONCE tanto para as actuacións que se leven a cabo a partir de agora no espazo público urbano coma para mellorar a situación existente.

A mellora da mobilidade das persoas con discapacidades visuais foi o eixo da xuntanza que mantiveron hoxe Carlos Fernández Lamigueiro, Dolores Venancio e José Buño, en representación da ONCE, con Evencio Ferrero, Milagros Lantes e Luis Lamas, por parte do Concello. “En Carballo sempre nos sentimos moi queridos, a xente é moi receptiva aos nosos produtos e ademais temos unha boa relación”, sinalou o presidente de ONCE Galicia, Fernández Lamigueiro. O obxectivo agora é que esa boa relación se plasme tamén nas actuacións urbanísticas que poden influír na calidade de vida das persoas invidentes ou con algunha discapacidade visual.

Milagros Lantes presentou algúns dos proxectos en marcha

Milagros Lantes presentou algúns dos proxectos en marcha

Nese sentido, a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, informou aos representantes da organización dalgúns dos proxectos en marcha, como a elaboración da estratexia de xestión do espazo público ou as ordenanzas de tráfico e terrazas. Tanto nestes casos coma en actuacións concretas de reurbanización de rúas ou de eliminación de barreiras, o Concello de Carballo terá en conta as indicacións técnicas da ONCE. Os membros da organización aludiron, por exemplo, á necesidade de regular a altura dos sinais de tráfico ou a colocación de toldos, así coma a eliminación dos pivotes laterais de rúas semipeonís coma Saúde ou A Lagoa, xa que este tipo de elementos poden chegar a ser perigosos no día a día dunha persoa invidente.

Nesa mesma liña, un dos proxectos que ten en marcha o Concello de Carballo é a instalación de sinais acústicas en semáforos. Desde a ONCE aconséllase a implantación dun sistema de activación individual a través dun mando ou unha aplicación no teléfono móbil, xa que o número potencial de usuarios/as é reducido, e ademais deste xeito evitaríanse molestias á veciñanza.

Despois da xuntanza, Milagros Lantes acompañou aos representantes da ONCE nun percorrido urbano que incluíu as beirarrúas nas que se está a traballar na eliminación de barreiras para mellorar a accesibilidade nos camiños escolares, xa que o goberno municipal quere seguir actuando no resto das rutas peonís de acceso aos colexios e a outros edificios públicos. Desde a organización valorouse moi positivamente a sensibilidade do Concello de Carballo nesta cuestión.

Compartir: