Inicio Carballo ao día Novas O obradoiro “A cidade do mañá” pon...

O obradoiro “A cidade do mañá” pon de manifesto a existencia dunha nova identidade de Carballo para a infancia

As ideas dos máis de trinta nenos e nenas participantes formarán parte dunha publicación que recollerá o traballo realizado

Venres 20 de xullo do 2018

“Fronte á visión de que Carballo perdeu a súa identidade, Carballo ten unha nova identidade para os nenos. Elementos coma a Biblioteca Rego da Balsa, as medianeiras... xeraron unha nova identidade, e creo que é un traballo que fixo moi ben o Concello, que xerou un sentimento de imaxe propia e conseguiu xerar unha nova identidade. A verdade é que me vou moi ilusionada”, asegura Sandra González, a directora o obradoiro de arquitectura e patrimonio A cidade do mañá.

"Se eles xeran un vínculo coa cidade na que viven non lles vai dar igual vivir en Carballo que noutro lugar. Eles teñen unha identidade, está no seu imaxinario, e penso que é o máis importante que se intenta conseguir con isto”, di Sandra González

Hoxe remataron cinco días de actividades para un grupo de máis de trinta nenos e nenas de 5 a 12 anos, deseñadas para “estimular a súa sensación de hábitat. Se eu xero un vínculo co lugar no que habito –explica a arquitecta- ese lugar para min significa algo. A día de hoxe, practicamente, os nenos viven nunha caixa, desprázanse nunha caixiña máis pequena, e chegan a outra caixa máis grande que é o centro comercial ou as pistas de xogos, que tamén son espazos pechados; pero se eles xeran un vínculo coa cidade na que viven non lles vai dar igual vivir en Carballo que noutro lugar. Eles teñen unha identidade, está no seu imaxinario, e penso que é o máis importante que se intenta conseguir con isto”, engade.

Para todo o equipo de monitores/as que traballou esta semana cos nenos e nenas remata unha experiencia “moi gratificante”, porque, explican, “como arquitectos temos de novo unha visión que non nos ensinaron en ningún sitio, que é a visión dos cativos, de como eles ven a súa cidade, como viven a súa cidade, como relacionan a súa escala coa cidade... porque ao final as cidades fanse para persoas adultas. E eles? Unha cidade que funciona para un neno funciona para todo o mundo”.

Agora todo o traballo realizado será recompilado nunha publicación da que seguro que saen propostas moi interesantes para ese Carballo do futuro. De feito, o obxectivo desta novidosa e interesante iniciativa promovida desde a Concellería de Planificación e Mobilidade Urbana en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e Post Arquitectos, foi estimular unha actitude crítica para que os nenos e nenas comecen o seu desenvolvemento coma cidadanía activa, xa que eles e elas serán os/as responsables da cidade do mañá.

Compartir: