Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo equipa aos servizos...

O Concello de Carballo equipa aos servizos municipais para facer fronte a posibles picaduras de avespa asiática

O servizo municipal de control de pragas insiste na conveniencia de que as persoas que traballan nos sectores forestal e/ou agrario adopten medidas de precaución

Xoves 9 de agosto do 2018

O Concello de Carballo está a equipar a diferentes servizos municipais con kits de emerxencia para actuar no caso de picaduras de avespa asiática. Os tractores municipais que realizan os labores de roza, o vehículo empregado polos xardineiros municipais, o da brigada de medio ambiente e os da Policía Local e Protección Civil contarán entre o seu equipamento, a partir de agora, cunha dose de adrenalina inxectable en xiringa precargada e un aerosol contra velutinas. O obxectivo é aumentar a protección dos/as traballadores/as, así coma facilitar o traballo dos servizos de seguridade no caso de que se atopen no seu labor diario cunha emerxencia relacionada con picaduras de avespas.

O kit de adrenalina utilizarase no caso de que algunha persoa sufra un shock anafiláctico coma consecuencia da picadura dunha avespa. Deste xeito disporase dun tempo de marxe ata que a persoa afectada reciba asistencia sanitaria. Desde o servizo municipal de control de pragas insístese unha vez máis na conveniencia de extremar as medidas de precaución, sobre todo por parte das persoas que traballan nos sectores forestal e/ou agrario, xa que este ano estanse dando moitos casos de picaduras. Unha das causas é que as avespas cambiaron os seus hábitos e fixeron niños en lugares insospeitados, coma unha pedra ou un pé de millo, polo que é máis posible invadir o seu territorio e que respondan cun ataque.

Por iso hai varios consellos que é convinte seguir:

  1. Antes de empezar a traballar, realizar un recoñecemento da parcela para comprobar que non existen niños. É frecuente que aparezan entre as silveiras. 
  2. Se atopas un niño de velutina non te achegues nin lle toques, porque se sentirán atacadas. Chama ao 012 ou ao 112 para que acudamos a retiralo.
  3. No caso dun ataque fuxe o máis rápido posible e intenta refuxiarte nalgún lugar pechado coma o coche, protexe a cara e a parte de atrás do pescozo (teñen tendencia a picar nesa parte do corpo) e non fagas movementos bruscos. Se a atacada é outra persoa non te achegues, chama rapidamente ao 112. E se es alérxico procura levar sempre contigo a medicación precisa.

Compartir: