Inicio Carballo ao día Novas O Programa Concilia amplíase ao CEIP...

RECIBIDAS XA 176 SOLICITUDES

O Programa Concilia amplíase ao CEIP Gándara-Sofán e adianta a hora de comezo ás 07.00

Hoxe rematou o primeiro prazo de matrícula, destinado a familias con nenos e nenas que usarán o servizo a partir do 1 de setembro

Martes 14 de agosto do 2018

CEIP Gándara-Sofán

CEIP Gándara-Sofán

O Programa Concilia medra horario, xa que este curso adianta a hora de comezo ás sete da mañá, e tamén en ámbito xeográfico, posto que a partir de setembro tamén funcionará no CEIP Gándara-Sofán. A implantación do servizo está supeditada á existencia dun número mínimo de solicitudes, aínda que, tal como explica a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, a ordenanza que o regula establece que “o Concello valorará a posta en marcha do servizo se non se supera o número mínimo de usuarios”. En Sofán hai xa 8 nenos/as matriculados/as, e agárdase que a cifra aumente cando empece o curso.

Hoxe rematou o primeiro prazo de inscrición. Ao peche das oficinas do rexistro contabilizáronse 176 solicitudes. “Este primeiro prazo de matrícula –explica a concelleira- é para nenas e nenos que xa usarán os servizos do Concilia dende o día 1 de setembro”. A partir do 15 habilitarase outro prazo para as incorporacións que se produzan a partir de outubro, pero, tal como lembra Maica Ures, “o prazo está aberto durante todo o ano” para dar resposta ás necesidades que poidan xurdir. A maiores, as familias teñen a oportunidade de utilizar os servizos do Programa Concilia de maneira puntual en días soltos.

O Programa Concilia é unha medida promovida desde a Concellería de Igualdade e Benestar para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, e consiste en recoller aos nenos e nenas a primeira hora da mañá no seu centro escolar para responder ás necesidades familiares derivadas do desfase existente entre os horarios escolares e os laborais. Deste xeito, os/as participantes reciben atención especializada ata a hora de comezo das clases, desenvolven actividades de ocio e tempo libre, e ademais existe un servizo de almorzo opcional. Durante os períodos vacacionais tamén se ofrece a posibilidade de continuar co servizo para os/as usuarios/as fixos/as.

Compartir: