Inicio Carballo ao día Novas Carballo gardou un minuto de silencio pola...

Carballo gardou un minuto de silencio pola última vítima da violencia machista

A Marcha Mundial das Mulleres ten convocada para mañá ás 20 horas unha concentración de protesta na Praza do Concello

Luns 20 de agosto do 2018

Cunha concentración silenciosa na Praza do Concello, Carballo amosou hoxe, como sinalou a alcaldesa en funcións, Belén Lendoiro, “a nosa repulsa a un novo crime machista, que ademais tócanos moi de preto”. O Concello de Carballo convocou un minuto de silencio tras o asasinato de Ana Belén Varela Ordóñez, unha veciña de Cabana de Bergantiños que se converteu este domingo na terceira vítima mortal da violencia de xénero en Galicia no que vai de ano.

No acto participaron numerosos veciños e veciñas, traballadores/as do Concello de Carballo, representantes dos grupos políticos municipais e tamén das forzas de seguridade. A concentración rematou cun aplauso.

A Praza do Concello volverá a converterse mañá no punto de encontro de todas as persoas que queiran manifestarse contra a violencia machista, xa que para as 20 horas está convocada no noso concello, por parte da Marcha Mundial das Mulleres, unha das numerosas concentracións que se celebrarán paralelamente en toda Galicia.

Compartir: