Inicio Carballo ao día Novas A Escola Basket Xiria implica aos consellos...

A Escola Basket Xiria implica aos consellos parroquiais na promoción do deporte nas zonas rurais

A segunda edición do programa “Vive o deporte, desfruta do baloncesto nas nosas parroquias” desenvolverase os días 15 e 22 en Imende e Razo

Xoves 13 de setembro do 2018 Deporte

A presentación da actividade realizouse hoxe pola mañá na Casa do Concello

A presentación da actividade realizouse hoxe pola mañá na Casa do Concello

A Escola Basket Xiria (EBX) organiza a segunda edición de ‘Vive o deporte, desfruta do baloncesto nas nosas parroquias’, un evento de carácter lúdico, deportivo e social en pistas deportivas ao aire libre situadas nas zonas rurais do Concello de Carballo. Este ano o programa fará parada especial nas parroquias costeiras. Están previstas dúas citas; a primeira, o sábado 15 de setembro- celebrarase nas pistas deportivas de Imende, ás 11.00 horas, e contará coa presencia dos equipos cadetes masculino e feminino da EBX. Están convidados os rapaces e rapazas, de calquera idade, de Noicela, Vilela e Rebordelos. A segunda data é o 22 de setembro, ás 11.00, nas pistas deportivas da praia de Razo -se chove, no pavillón do colexio-. Están convidados os nenos e nenas de Razo, Lema, Oza, quen poderán xogar e divertirse cos equipos infantís masculino e feminino da EBX. Ademais de baloncesto, tanto en Razo como en Noicela haberá concursos e sorteos para a rapazada e para os maiores.

Con esta actividade, a EBX pretende fomentar e difundir a práctica deportiva e os hábitos de vida saudable entre os veciños residentes das parroquias carballesas, así como poñer en valor os recursos do noso municipio que se atopan fora do núcleo urbano. Nesta ocasión, co Basket Xiria colaboran o Concello de Carballo, Carballo Deporte, Deputación da Coruña e os consellos parroquiais e representantes veciñais de Noicela, Lema, Vilela, Rebordelos, Razo de Oza.

PRESENTACIÓN

Primitivo Reguera _á dereita_ falou no nome da EBX

Primitivo Reguera _á dereita_ falou no nome da EBX

‘Vive o deporte, desfruta do baloncesto nas nosas parroquias’ presentouse esta mañá na casa do concello nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; Arturo Ferraces e Primitivo Reguera, da EXB; e representantes do tecido asociativo das parroquias de  Noicela, Lema, Vilela, Rebordelos, Razo e Oza.

“Con esta iniciativa que puxemos en marcha a pasada tempada”, explicou Arturo Ferraces, “pretendemos seguir promovendo a imaxe da Escola Basket Xiria e a filosofía de facer deporte a calquera idade; neste caso, ao aire libre e aproveitando o comezo da pretemporada dos nosos equipos de base”. “É tamén un bo xeito de poñer en valor a contorna privilexiada e as instalacións deportivas municipais das parroquias do concello, moitas veces descoñecidas para os nosos rapaces e rapazas”.

Nos obxectivos da actividade incidiu Primitivo Reguera: “Ademais de darnos a coñecer en todo o concello, gústanos non estar sempre nos pavillóns; gústanos saír e levar o baloncesto a cantos máis sitios mellor. Para nós tamén é unha obriga e unha responsabilidade: se recibes unha subvención, tanto do Concello de Carballo como da Deputación da Coruña, como club debes ofrecer algo, non todo vai ser competir, debemos darlle oportunidades de coñecernos e de facer deporte a todos os nenos e nenas do concello”.

Marcos Trigo salientou: “Como sempre, a Escola Basket Xiria intenta dar un paso máis alá da súa actividade habitual; neste caso, levando o baloncesto por todo o noso territorio”. O concelleiro de Deporte agradeceu ás asociacións parroquiais “a súa colaboración e que se prestasen a botar unha man para desenvolver esta actividade que é non só proveitosa para o club, senón tamén para estas parroquias”.

Evencio Ferreiro felicitou “un ano máis, á Escola Basket Xiria”. “Creo”, apuntou, “que é unha moi bonita iniciativa. O deporte ten que abrirse á sociedade e os veciños teñen que percibir que en Carballo hai deporte e, ademais, moito deporte de referencia”. “Ten que verse”, rematou, “que as instalacións municipais non teñen por que ser só urbanas, senón que no rural temos tamén instalacións que merecen ser utilizadas. Se esta iniciativas se mantén no tempo, merece todo o noso recoñecemento e aplauso”.

Compartir: