Inicio Carballo ao día Novas A Subdelegación do Goberno e o Concello...

A Subdelegación do Goberno e o Concello reactivarán a mesa de coordinación institucional sobre violencia de xénero

A subdelegada, Pilar López-Rioboo, presidiu xunto co alcalde, Evencio Ferrero, a reunión da Xunta Local de Seguridade celebrada hoxe

Martes 18 de setembro do 2018

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, presidiu xunto co alcalde, Evencio Ferrero, a Xunta Local de Seguridade, na que se realizou unha análise da seguridade cidadá no noso concello. Na reunión participaron mandos da Garda Civil e do Corpo Nacional de Policía, Policía Local e Protección Civil, a concelleira de Seguridade, Milagros Lantes, e unha representante de cada un dos grupos da oposición.

Un dos principais acordos da xunta foi o relativo á reactivación da denominada mesa de coordinación institucional sobre violencia de xénero, que no municipio de Carballo atópase constituída desde marzo de 2011, aínda que permaneceu inactiva nos últimos anos. Tras a recente aprobación por parte do Consello de Ministros dun real decreto de medidas urxentes sobre violencia de xénero, a subdelegada do Goberno trasladou aos integrantes da Xunta Local de Seguridade de Carballo a conveniencia de retomar a actividade da mesa de coordinación, feito no que houbo unha coincidencia xeneralizada.

Da mesma maneira, abordouse tamén a conveniencia de retomar o proceso para a integración da Policía Local de Carballo no sistema Viogen, seguindo o acordado no seu momento a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado polo Congreso dos Deputados o 28 de xullo de 2017, e polo impulsado a través do recente real decreto aprobado polo Goberno a principios de agosto.

Aínda que non existe na actualidade ningún caso de violencia de xénero que poida ser considerado de risco alto ou extremo en Carballo, si se mostrou o compromiso de mellorar a coordinación das distintas forzas de seguridade no concello para permanecer vixiantes sobre esta problemática, tendo en conta que máis da metade da poboación do municipio son mulleres.

Neste sentido, tanto a Subdelegación do Goberno como o Concello de Carballo teñen como unha das súas prioridades a prevención e vixilancia de todo o relativo á violencia de xénero, tal como demostra que o de Carballo é un dos poucos municipios da provincia que xa tiña constituída de maneira oficial a mesa de coordinación institucional sobre esta materia.

Mellora da coordinación

Por outra banda, na Xunta Local celebrada na sede do concello púxose de manifesto a intención de mellorar no posible a coordinación das distintas forzas de seguridade. Nos últimos meses detectouse un lixeiro repunte dos índices de delincuencia, aínda que se atribuíu fundamentalmente a dúas circunstancias concretas.

A primeira foi o feito de que se constatou durante este verán un incremento de roubos en vehículos nas zonas de praia do municipio, aínda que se puido identificar e deter aos presuntos responsables, circunstancia pola que se entende que esta problemática puido ser contrarrestada e paliada.

O segundo dos feitos vén derivado polo incremento nos delitos de carácter cibernético, cometidos fundamentalmente a través de internet, redes sociais e novas tecnoloxías. Esta circunstancia vén dando de maneira especial en todas aqueles núcleos urbanos con grandes e medias poboacións, polo que desde as forzas de seguridade intensificouse o control neste sentido á vez que se traslada á cidadanía a conveniencia de extremar as medidas de precaución no uso das redes sociais e novas tecnoloxías.

Compartir: