Inicio Carballo ao día Avisos Aberto o prazo de inscrición para un curso...

Aberto o prazo de inscrición para un curso de posta en valor da gastronomía local dirixido aos sectores hostaleiro e turístico

Xoves 4 de outubro do 2018

Dentro do Programa de mellora da competitividade do sector turístico da Costa da Morte, organizado por Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) e financiado pola Deputación da Coruña, do 16 de outubro ao 27 de novembro desenvolverase unha nova acción formativa centrada na posta en valor da gastronomía local.

O programa formativo, de 30 horas de duración, desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo, que se converterá no punto de encontro de profesionais de toda a Costa da Morte. O prazo de inscrición xa está aberto. Os/as interesados/as poden enviar a súa solicitude de participación ao correo electrónico acertaformacion@gmail.com ou chamar ao teléfono 981 106 060. Terán preferencia os/as socios/as da CMAT.

A acción será impartida por Acerta Formación, que ten preparado un programa variado no que se inclúen aspectos de xestión, marketing  e gastronomía. Comeza cunha serie de sesións dedicadas a mellorar as capacidades do sector hostaleiro e de restauración en canto ao deseño estratéxico da súa oferta gastronómica.  No relativo ao marketing abordaranse principalmente cuestións de redes sociais, monitorización e vixilancia online. En canto á gastronomía, 15 horas son totalmente prácticas, e tratan especificamente temas de cociña (elaboración de pinchos e preparación de pratos con produtos locais) e coñecemento do produto (peixe, carne, algas...).

As sesións formativas terán unha duración de dúas horas e media e serán impartidas por expertos de referencia no panorama galego.

Descargas

Compartir: