Inicio Carballo ao día Novas O Consello Parroquial de Oza interésase...

HOXE REMATA O PRAZO PARA QUE AS EMPRESAS PRESENTEN OFERTAS

O Consello Parroquial de Oza interésase polo proxecto de abastecemento de auga á parroquia

O acondicionamento do campo da festa e a posta en valor do castro de Serantes foron algunhas das propostas que xurdiron na xuntanza de onte

Mércores 10 de outubro do 2018 Participación veciñal

O Consello Parroquial de Oza reuniuse onte

O Consello Parroquial de Oza reuniuse onte

O Consello Parroquial de Oza, que se reuniu onte á noite, amosou moito interese polo proxecto de abastecemento de auga que garantirá o subministro aos lugares de Encrucilladas, Vilar do Carballo, Oza Vella, As Torres e O Rodo, e que chegará tamén á parroquia de Razo. Precisamente hoxe, ás 24.00 horas, remata o prazo para que as empresas interesadas en executar a obra presenten as súas propostas. A nova rede, cun orzamento de 1.700.000 euros, será a obra máis importante financiada polo Concello de Carballo sen achegas doutas Administracións.

Ademais de informar sobre a marcha dos trámites, o alcalde, Evencio Ferrero, apuntou que precisamente debido á previsión de acometer esa obra non se executará agora a mellora viaria solicitada pola veciñanza na zona do centro social, senón que se agardará a que remate a rede para proceder á pavimentación, unha decisión que todos/as os/as presentes consideraron acertada. Por parte da representación veciñal apuntouse ademais a posibilidade de estender o abastecemento ao núcleo de Serantes de Abaixo, unha proposta que o alcalde se comprometeu a trasladar aos técnicos.

Ademais de Evencio Ferrero, na xuntanza participaron José Bello Pallas, en representación de TeGa, e Héctor García Andrade, do PP. A representación veciñal foi escasa, pero os/as asistentes trasladaron propostas recollidas en toda a parroquia, como a posibilidade de posta en valor do castro de Serantes, o acondicionamento do campo da festa ou a extensión do proxecto de pavimentación con cemento que se está a acometer no Rodo, e que goza de gran aceptación, a outros lugares.

Compartir: