Inicio Carballo ao día Novas O número de familias atendidas polo...

O número de familias atendidas polo servizo municipal de apoio familiar aumentou un 32% desde a súa posta en marcha

No último ano realizáronse intervencións de distinto tipo con 64 familias e un total de 334 persoas, máis da metade menores

Xoves 11 de outubro do 2018

Nos 15 anos que leva en funcionamento, o servizo municipal de apoio familiar vén desenvolvendo un importante labor para atender as necesidades socio-familiares dos veciños e veciñas do noso concello. O número de familias atendidas aumentou un 32,75% desde a posta en marcha do servizo no ano 2003. O ano pasado foron 64, unha menos ca no 2016, o que podería supoñer un estancamento das situacións familiares complicadas, en maior risco de exclusión social e con peores circunstancias vitais para os seus membros, en especial para os/as menores de idade.

No Día Internacional da Nena, desde a Concellaría de Igualdade e Benestar poñemos a atención no feito de que nenos/as e adolescentes constitúen máis da metade das persoas atendidas pola psicóloga do departamento, aínda que o ano pasado se prestou asistencia a persoas maiores, con discapacidade, reclusas ou ex-reclusas, toxicómanas, con enfermidades mentais, inmigrantes ou pertencentes a minorías étnicas.

A maior parte das intervencións do servizo realízanse no propio domicilio da familia usuaria, pero desde o servizo de apoio familiar tamén se levan a cabo xestións relacionadas con aloxamentos alternativos, acollemento de menores, inserción laboral e social, derivacións a servizos de menores ou aos sistemas educativo e sanitario e, sobre todo, accións para a aprendizaxe de habilidades sociais e domésticas.

Debido á especial casuística das situacións socio-familiares que requiren dunha intervención, nestes 15 anos vense fomentando o traballo en rede e coordinado cos departamentos de orientación dos centros educativos e sanitarios, outros departamentos e servizos municipais, asociacións do ámbito social e organismos de ámbito autonómico ou estatal.

O número de casos foi en aumento dende a posta en marcha do servizo, pero incrementouse dun xeito máis notorio a raíz da crise económica, e ademais disparáronse os casos de especial complexidade. Máis do 60% das familias teñen dificultades para afrontar a organización familiar diaria, de crianza dos/as fillos/as e de cobertura das necesidades básicas dos/as menores e máis do 75% son fogares con baixos recursos económicos.

En xeral, as intervencións esténdense ao longo do tempo. Así, por exemplo, máis do 40% das familias atendidas no ano 2016 xa tiñan o expediente aberto con anterioridade e mantéñeno aínda hoxe.

Compartir: