Inicio Carballo ao día Hemeroteca 15 empresas optan á construción da...

15 empresas optan á construción da rede de abastecemento de auga a Razo, segundo avanzou o alcalde no Consello Parroquial

Evencio Ferrero tamén informou sobre unha recente xuntanza na Deputación da Coruña para mellorar a seguridade viaria na estrada de Carballo

Venres 19 de outubro do 2018 Participación veciñal

O Consello Parroquial de Razo reuniuse onte á noite

O Consello Parroquial de Razo reuniuse onte á noite

15 empresas aspiran a executar o proxecto de abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo, a obra máis importante “realizada nunca polo Concello de Carballo sen axuda doutras Administracións”, como lembrou onte o alcalde no Consello Parroquial. Evencio Ferrero insistiu na necesidade de achegar a todo o litoral un servizo cada vez máis necesario, dados os problemas de escaseza que se están producindo nos últimos tempos, e especialmente nunha zona onde se incrementa tanto a demanda durante o verán. O Concello de Carballo investirá 1,7 millóns de euros para solucionar esa carencia, que ademais supón o cumprimento dun requisito imprescindible para calquera desenvolvemento urbanístico no futuro.

Pero a veciñanza xa ten novos proxectos en mente para a parroquia de Razo, entre eles a construción dun centro social. Neste sentido, unha das opcións presentadas foi a solicitude de cesión dun terreo á Igrexa, na que insistiu especialmente o representante de TeGa. A nivel de equipamentos sociais tamén se falou sobre os problemas para a utilización dos baños do colexio por parte das persoas que realizan actividades no pavillón, polo que tamén se propuxo a construción de aseos dentro da instalación deportiva.

Outro tema que preocupa á veciñanza é a seguridade viaria na estrada Carballo-Razo. A este respecto, o alcalde informou das recentes xuntanzas de traballo que mantivo cunha enxeñeira da Deputación da Coruña, titular da vía, para ver a posibilidade tanto de colocar lombos coma de ensanchar algúns treitos. Evencio Ferrero explicou que por parte da institución provincial hai boa disposición, polo que agarda que se adopte algunha medida que contribúa a diminuír a sinistralidade. Por parte dun sector veciñal púxose sobre a mesa a posibilidade de construción dunha nova estrada.

A xuntanza, á que asistiron Daniel Pérez (BNG), Héctor García (PP) e José Bello (TeGa) en representación dos grupos municipais, rematou cun amplo debate sobre a actualización catastral. O próximo consello será o 28 de febreiro.

Compartir: