Inicio Carballo ao día Novas Manuel Lourenzo estará en Carballo por...

O ACTO SERÁ O DOMINGO, ÁS 20.30 HORAS, NO PAZO DA CULTURA

Manuel Lourenzo estará en Carballo por segunda vez neste mes do teatro, desta volta para recoller o Xograr de Outono

O FIOT galardoa a un dos referentes do teatro en Galicia, con máis de 50 anos de traxectoria profesional e unha estreita vinculación con Carballo

Venres 19 de outubro do 2018 Cultura

Manuel Lourenzo, xunto ao alcalde de familiares de López Eirís, na Biblioteca Rego da Balsa

Manuel Lourenzo, xunto ao alcalde de familiares de López Eirís, na Biblioteca Rego da Balsa

Por segunda vez neste mes de outubro, que en Carballo é o mes do teatro, este domingo recibiremos a visita de Manuel Lourenzo. O día 9 participou no acto de inauguración da exposición dos libros sobre teatro doados polo seu gran amigo Xoán Manuel López Eirís á Biblioteca Municipal Rego da Balsa, e alí anunciou que contribuirá a incrementar esa colección con cinco montaxes realizadas polo escenógrafo carballés, falecido o ano pasado.

Nesta segunda visita, Manuel Lourenzo será aínda máis protagonista, porque o domingo estará en Carballo para recoller o Xograr de Outono, o galardón que recoñece a súa intensa, prolífica, creativa e extensa traxectoria profesional, con máis de 50 anos de percorrido. Sendo esencial en Galicia, para o público en Carballo é unha das figuras máis emblemáticas do teatro galego, cunha presenza continua desde as primeiras representacións de teatro galego coas súas diferentes compañías e proxectos, e nos últimos anos con Casahamlet que actuou en moitas ocasións na nosa vila.

Con este premio o FIOT quere recoñecer a un dos principais referentes do teatro en Galicia, o dramaturgo, director, actor, promotor teatral, formador de moitas xeracións de actores... Manuel Lourenzo, unha das persoas imprescindibles para a creación do teatro galego, quen dedicou a súa vida a esta arte.

Longa e destacada traxectoria

Manuel Lourenzo, na súa última visita a Carballo

Manuel Lourenzo, na súa última visita a Carballo

Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, 1943), licenciado polo Institut do Teatre de Barcelona, comezou o seu andaina no mundo profesional do teatro nos anos 60, coa vontade de impulsar un teatro galego propio, enraizado na nosa cultura. Xogou un papel fundamental no impulso das artes escénicas en Galicia, fundando compañías, escolas e proxectos teatrais transcendentais para nosas artes escénicas, como o Grupo de Teatro O Facho, creado na Coruña xunto con Francisco Pillado; o Grupo de Teatro Circo, cun percorrido que desembocará na fundación da Escola Dramática Galega; a Compañía Teatral Luís Seoane, o Club de Teatro Elsinor ou a escola, revista e actual compañía, Casahamlet, a cal rexenta desde 1998 xunto con Santiago Fernández. A súa vocación educadora converteuno en mestre de moitas xeracións de actores e actrices.

Lourenzo escribiu preto de dous centenares de obras dramáticas breves e sesenta están publicada, tamén é tradutor, novelista e ensaísta. Triunfou como actor de teatro en numerosas producións da súa compañía e, é moi valorado no sector audiovisual, destacando a interpretación de míticos personaxes da televisión como Melgacho en Mareas Vivas (1998), ou máis recentemente Terito en Fariña.

Anteriores xograres e xograresas

En anteriores edicións foron merecedores do nomeamento de Xograr de Outono: Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago “Kukas”, Alberto Gende, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira e Mónica Caamaño.

Compartir: