Inicio Carballo ao día Hemeroteca A rede municipal de centros sociais...

A rede municipal de centros sociais modernízase grazas ás reformas realizadas en Rus, Outón, Entrecruces e Artes

Representantes do Concello, da empresa construtora e da dirección de obra realizaron a visita previa á recepción dos traballos

Venres 19 de outubro do 2018 Carballo ao día

A rede de centros sociais das parroquias non só medra en novas edificacións, senón tamén en calidade. Á parte dos dous grandes proxectos que se contratarán este ano, a reforma integral do local de Lema e a construción dun novo edificio en Bértoa, o Concello de Carballo vén de investir máis de 330.000 euros na modernización destes espazos de encontro e ocio veciñal.

O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros Luis Lamas e Marcos Trigo veñen de realizar, acompañados por representantes da empresa construtora, Fonsan Gestión y Construcción, e da dirección de obra, unha visita previa á recepción dos traballos executados nos centros sociais de Rus, Outón, Entrecruces e Artes. En todos eles leváronse a cabo reformas integrais atendendo ás demandas das asociacións que os utilizan, tratando de mellorar a súa habitabilidade e funcionalidade.

Deste xeito, no centro social de Artes, que comparte edificio coa escola unitaria, as melloras empezaron xa no exterior da parcela, cunha soleira de formigón que mellora o acceso. Tamén se illou todo o edificio, actuando tanto nas fachadas coma na carpintería. Na planta baixa xa hai unha nova cociña, e a primeira está completamente reformada. A obra completouse cunha cuberta de tella.

En Entrecruces tamén se actuou no exterior para solucionar problemas de humidade e para mellorar o perímetro do edificio cunha soleira de formigón a modo de beirarrúa. Tamén se solucionaron defectos de illamento mediante unha actuación na totalidade das fachadas e o cambio da carpintería exterior. Na planta baixa realizouse unha reforma integral, que incluíu demolición de tabiques, mellora de todas as instalacións e a construción dun aseo adaptado. Tamén se modernizaron as instalacións do primeiro andar, e pintouse todo o edificio, ademais de instalar nova cuberta de tella.

Na parroquia de Rus fixéronse obras nos centros sociais de Ramil e Outón. Neste último o proxecto incluíu a impermeabilización exterior, e, como no caso anterior, unha actuación integral de illamento nas fachadas que incluíu o cambio da carpintería. A planta baixa renovouse por completo, e tamén se colocou nova cuberta de tella. A intervención en Ramil consistiu no illamento exterior, a redistribución e acondicionamento da planta baixa e a posta a punto da cuberta.

Ademais destas reformas integrais, nos locais de Oza e Sísamo veñen de acometerse tamén obras de ampliación, no primeiro caso para conseguir un mellor aproveitamento do espazo dispoñible, e no segundo, para a construción dunha edificación auxiliar destinada a almacén acaroada á escola.



Galería

Compartir: