Inicio Carballo ao día Hemeroteca 2.000 nenas e nenos de oito centros educativos do...

A ACTIVIDADE ARRANCOU HOXE EN SOFÁN COA PRESENZA DO ALCALDE E O CONCELLEIRO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

2.000 nenas e nenos de oito centros educativos do noso concello participan este curso no Horto Viaxeiro

Os encontros interxeracionais no Centro de Maiores da Praza de Vigo e a Pequefeira, que será o 31 de maio, son algunhas das actividades paralelas programadas

Luns 22 de outubro do 2018 Carballo ao día

Alumnado do CEIP Gándara-Sofán que asistiu á presentación da iniciativa

Alumnado do CEIP Gándara-Sofán que asistiu á presentación da iniciativa

Hoxe botou a andar de novo o Horto Viaxeiro coa participación de 2.000 alumnos e alumnas dos colexios Xesús San Luís Romero, Artai, CRA Ponte da Pedra, Fogar, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, Escola Infantil As Landras e CEIP Bergantiños, que se suma ao proxecto cos nenos e nenas de 5º e 6º cursos de Infantil e de 1º a 4º de Primaria. O acto simbólico de inicio da actividade celebrouse esta mañá no colexio de Sofán coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira.

O Horto Viaxeiro é unha versión itinerante do Horto Infantil Ecolóxico Municipal que permite achegar aos centros escolares esta actividade “de autonomía infantil pero tamén de achegamento ao medio natural e á nosa contorna”, como a definiu o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. Deste xeito, o horto segue a medrar e a avanzar cara un proxecto de futuro que se basea na educación en cuestións de economía, cooperativismo e posta en valor do medio rural. E por iso este curso volverá a celebrarse a Pequefeira, na que nenos e nenas poderán comercializar o que ele e elas mesmas colleiten. A data xa está fixada para o 31 de maio, e o alcalde desexoulles aos participantes que volvan a esgotar as existencias aínda que a última hora haxa que rebaixar un pouco os prezos.

Desenvolvemento do proxecto

O invernadoiro feito con botellas de plástico chamou a atención do alcalde

O invernadoiro feito con botellas de plástico chamou a atención do alcalde

Manuel Anxo Pardiñas, coordinador da actividade, explicou como se vai desenvolver. As sesións realizaranse en cada centro agás nos casos do Bergantiños e o Artai, que se desprazarán ata as instalacións municipais da rúa Nardos. As actividades, coma sempre, serán as propias do mantemento, coidado e produción da horta, e por iso estes primeiros días estarán centrados na posta a punto dos invernadoiros. En Sofán teñen un realmente curioso, construído polo propio alumnado, coa axuda do conserxe do cole, con máis de 4.100 botellas de plástico. Sen dúbida todo un exemplo de reutilización e optimización de recursos.

Cando o terreo estea a punto comezarán os cultivos de inverno: repolo, coliflor, brécol... Aos que pouco a pouco se irán sumando outros produtos da nosa horta de cara á Pequefeira do 31 de maio.

Este ano tamén se repetirán os encontros interxeracionais cos/as usuarios/as do Centro de Día da Praza de Vigo, que tan boa acollida tiveron o curso pasado.

Compartir: