Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Polígono de Carballo inicia un proceso...

PRESENTACIÓN DA NOVA IMAXE DO PARQUE INDUSTRIAL

O Polígono de Carballo inicia un proceso de renovación encamiñado a situalo na vangarda empresarial de Galicia

Empresariado e Concello coinciden na necesidade de seguir desenvolvendo solo industrial en Bértoa

Mércores 24 de outubro do 2018 Carballo ao día

Antonio Gómez, Juan Fernández, Evencio Ferrero e Milagros Lantes, na presentación da nova imaxe do polígono

Antonio Gómez, Juan Fernández, Evencio Ferrero e Milagros Lantes, na presentación da nova imaxe do polígono

O proceso de expansión do parque empresarial de Bértoa parece imparable, e nin a Asociación de Empresarios As Eiroas nin o Concello de Carballo queren deixar pasar de longo a oportunidade de crecemento industrial, e, polo tanto, da economía local e do emprego, que se nos presenta. Neste novo escenario, coa primeira fase esgotada e 80% do solo da segunda fase xa adxudicado, a estratexia conxunta dos concellos de Carballo, A Laracha e Arteixo para crear un eixo industrial forte vinculado ao Porto Exterior e a integración das dúas fases do polígono como un obxectivo máis viable, o empresariado aposta por un cambio de imaxe “que sirva de empuxe para situarnos aínda máis como referente galego”. Neste sentido manifestouse hoxe mesmo o secretario da asociación, Juan Fernández, no acto de presentación desa nova imaxe, no que estivo acompañado polo presidente da patronal, Antonio Gómez; o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes.

Novo logotipo

Novo logotipo

O cambio de imaxe empeza polo nome, Polígono de Carballo, e o logotipo, “un deseño moderno que busca reflectir o espírito dinámico e emprendedor das empresas do noso polígono”, sinalou Juan Fernández. A medio camiño entre a árbore que é o símbolo do noso concello e un botón de “on” que representa a actividade que se desenvolve no complexo, ese logo vén acompañado por unha nova páxina web e a presenza do Polígono de Carballo nas redes sociais para mellorar non só a comunicación interna, “senón tamén coa sociedade no seu conxunto”, explicou o secretario.

"Non debería darse o caso de que unha empresa que queira instalarse en Carballo non poida facelo por falta de solo industrial", manifestou Evencio Ferrero

O alcalde destacou o importante papel que está a cumprir o noso concello como foco de atracción de empresas do sector industrial, cunha gran capacidade para xerar emprego e tamén o nacemento de auxiliares. Todo iso reflíctese xa nun “polígono vivo” e “cun fluxo de tráfico considerable”, apuntou Evencio Ferrero. Se á situación actual se lle engade esa estratexia compartida con Arteixo e A Laracha para visibilizar este eixo industrial coma “unha zona de claro de desenvolvemento e oportunidades de creación de industria e de emprego”, a ampliación do solo industrial non pode demorarse máis“. Todos temos claro _manifestou Evencio Ferrero_ que non debería darse o caso de que unha empresa que queira instalarse en Carballo non poida facelo por falta de solo industrial. Xa ocorreu no pasado e non queremos que se repita”.

Compartir: