Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Conservatorio Municipal de Música...

O Conservatorio Municipal de Música presenta o seu plan de actividades para o curso 2018-19

Este ano porase en marcha xa dende o primeiro trimestre un programa de actividades culturais e de difusión das ensinanzas musicais

Venres 26 de outubro do 2018 Conservatorio

O concerto de presentación da Big Band está programado para o 2º trimestre

O concerto de presentación da Big Band está programado para o 2º trimestre

O Conservatorio Municipal de Música de Carballo vén de presentar o seu plan de actividades para o curso 2018-19. O documento, que pode descargarse nesta web, inclúe como obxectivos a consolidación dos convenios de colaboración con outros centros, a consecución de máis espazo físico, a creación dunha biblioteca e un arquivo musical ou, entre outros, a difusión da actividade de CMUS “a través da participación na vida cultural do Concello de Carballo”.

Coa dobre finalidade de dar a coñecer as ensinanzas musicais e de potenciar as propostas culturais, este curso desenvolverase un plan específico que inclúe actividades xa dende este primeiro trimestre. Concertos de Nadal, de primavera, Ciclo de Novos Intérpretes, intercambios entre a Orquestra de Corda, o Coro e a Banda Municipal e agrupacións doutros centros, audicións, recitais, cursos de interpretación e saídas co alumnado son algunhas das propostas. Este ano tamén asistiremos no segundo trimestre á presentación da Big Band do CMUS Profesional de Carballo.

Toda a información relativa ao CMUS está actualizada e dispoñible no espazo web do que dispón o centro dentro da páxina do Concello de Carballo. Así, a partir de hoxe poden consultarse o plan xeral do curso 2018-19, pero tamén os horarios tanto das materias coma de titorías de todo o profesorado e do equipo directivo, as programacións das diferentes materias ou os días non lectivos, que serán o 2 de novembro e o 16 de maio.

Compartir: