Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comezaron os traballos de mantemento do Carballo...

Comezaron os traballos de mantemento do Carballo de Vilar de Francos autorizados polo Servizo de Conservación da Natureza

O departamento da Consellería de Medio Ambiente permite retirar a madeira morta, ampliar a zona de seguridade e eliminar unha plántula de abeto que naceu na cruz

Luns 29 de outubro do 2018 Carballo ao día

O Concello de Carballo iniciou hoxe os traballos de mantemento do Carballo de Vilar de Francos autorizados polo Servizo de Conservación da Natureza a través dunha resolución asinada pola xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Cristina Carrión, o pasado día 19.

Das cinco actuacións solicitadas polo Concello de Carballo, que o 16 de agosto remitiu ao departamento autonómico un informe técnico coas propostas de intervención, foron admitidas dúas: a ampliación da zona de seguridade, para o cal haberá que habilitar un valado en coordinación coa propiedade, e a eliminación da madeira morta e as partes da copa que caeron durante o mes de agosto, que é a máis importante e foi a que se levou a cabo hoxe.

A maiores, o Servizo de Conservación da Natureza alude á necesidade de retirar unha plántula de abeto Douglas que naceu na cruz.

Actuacións pendentes

Por parte do Concello de Carballo tamén se propoñía a eliminación de pólas da zona apical; unha poda para reequilibrar a copa, que presenta, segundo o informe técnico remitido á Xunta, “síntomas de regresión e decaemento e un alto grao de asimetría”, e a limpeza e saneamento das oquedades e pudricións do tronco “para reducir o risco e garantir a supervivencia do exemplar”.

Con respecto ás dúas últimas actuacións, por parte de Conservación da Natureza indícase que non se autorizan por non ser a “época idónea para a súa realización”, e que en todo caso deberá presentarse unha solicitude por parte da propiedade da árbore, acompañada “dunha proposta motivada e un cronograma aos efectos de valorar axeitadamente a súa realización e garantir que non se produza afección á integridade e estado de conservación do exemplar”.

Plántula de abeto que debe eliminarse

Plántula de abeto que debe eliminarse

Persoal do Servizo de Conservación da Natureza acudiu hoxe a Vilar de Francos para supervisar o inicio dos traballos. Tamén se desprazaron ata o lugar persoal do servizo de Medio Ambiente do Concello de Carballo, así coma o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas.

Por parte da Administración local debe remitirse nun prazo de dous meses un informe sobre as actuacións desenvolvidas “valorando o resultado das mesmas e o estado de conservación do exemplar unha vez realizadas”, segundo consta na autorización.

Por parte do Concello de Carballo proponse, á súa vez, realizar un seguimento periódico continuado para ver a evolución da nosa árbore senlleira tras a grave rotura que sufriu o 3 de agosto pasado.



Galería

Compartir: