Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Deputación da Coruña abre o prazo...

A Deputación da Coruña abre o prazo de licitación da segunda fase das obras da travesía de Sísamo

As empresas interesadas na execución do proxecto, que ten un orzamento de máis de 800.000 euros e un prazo de execución de 12 meses, poden presentar ofertas ata o 26 de novembro

Luns 29 de outubro do 2018 Carballo ao día

En amarelo, o treito no que se desenvolverá a actuación

En amarelo, o treito no que se desenvolverá a actuación

A Deputación Provincial da Coruña vén de poñer en marcha o procedemento de licitación do proxecto de mellora da estrada DP 1901 Carballo-Sísamo (2ª fase). As empresas interesadas teñen de prazo ata o 26 de novembro para presentar as súas ofertas, polo que a adxudicación podería realizarse antes de fin de ano. O prazo de execución é de 12 meses e o obxectivo é que a obra contribúa ao desenvolvemento urbano nese ámbito tendo en conta as condicións de accesibilidade, supresión de barreiras arquitectónicas e mobilidade sostible e segura.

O proxecto abrangue entre os quilómetros 0,290 e 0,802, desde o remate da primeira fase ata a rúa Nacente, pola que se accede ao IES Monte Neme. É o treito máis urbano da vía e levará o mesmo tratamento que a primeira fase, con plataforma única e, sobre todo, coa renovación de todos os servizos urbanísticos.

A rúa contará con novo alumeado en columnas de aceiro inoxidable, como na fase xa executada; novas canalizacións de telefonía e cable onde non existe, rede separativa de augas pluviais e residuais e tamén unha moderna rede de abastecemento que evitará as avarías. En superficie habilitaranse dous carrís de tres metros de ancho con zonas de aparcamentos, e beirarrúas cun ancho medio de 2,40 metros. En definitiva, daráselle continuidade ao modelo implantado nos primeiros metros da avenida das Flores.

O orzamento acada os 818.662,08 euros, que serán financiados na súa totalidade pola Deputación da Coruña.

Compartir: