Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación municipal aprobou...

A corporación municipal aprobou mocións de apoio á plataforma contra os eólicos e ás familias numerosas

As modificacións do PXOM saíron adiante por unanimidade agás a relativa á prolongación da Vila de Negreira, na que votou en contra Terra Galega

Martes 30 de outubro do 2018 Carballo ao día

Grupo municipal do PP

Grupo municipal do PP

Os numerosos asuntos da orde do día prolongaron o pleno ordinario deste luns durante máis de dúas horas. A corporación aprobou dúas das catro mocións presentadas, en concreto unha de apoio á plataforma que se opón aos proxectos eólicos de Campelo, O Bustelo e Monte Toural, que estaba representada na sesión, e outra a favor das familias numerosas.

A primeira, que saíu adiante coa oposición do PP, inclúe dúas medidas: por unha banda, instar á Xunta a avaliar en profundidade as afeccións destes parques para a veciñanza, e, por outra, pedir ao Ministerio de Industria que determine mediante un informe se realmente son tres proxectos independentes ou só un. Este último punto foi o que motivou a discrepancia dos populares.

Precisamente foi o grupo liderado por Aurelio Núñez o que defendeu a moción de apoio ás familias numerosas, que foi aprobada por unanimidade despois da retirada dunha das dúas propostas que incluía. Deste xeito, a corporación municipal comprométese a “modificar as ordenanzas municipais para acadar beneficios fiscais e nas taxas municipais para as familias numerosas, valorando os ingresos per cápita das mesmas para a obtención deses beneficios”, pero non a incluílas nos orzamentos do ano que vén, que está previsto presentar xa en breve para o seu debate.

As mocións presentadas por TeGa e PSOE, no primeiro caso relativa á apertura da rúa Urbano Lugrís e no segundo sobre a revisión dos valores catastrais, foron rexeitadas.

Mesa presidencial

Mesa presidencial

En canto ao resto dos asuntos que figuraban na orde do día, as modificacións do PXOM foron aprobadas por unanimidade agás a relativa á prolongación da rúa Vila de Negreira ata a avenida de Bértoa, na que Terra Galega votou en contra. Tamén foi unánime o apoio á extinción do contrato de auga e saneamento coa anterior concesionaria do servizo, que se salda a favor do Concello de Carballo cunha achega de 87.908,57 euros por parte da empresa.

Os grupos da oposición abstivéronse na proposta de ampliación do contrato do alumeado público para colocar 138 novos puntos de luz na zona rural.

No apartado de rogos e preguntas, o PP interesouse polo mantemento do Pazo da Cultura, os incidentes cos bolardos, os criterios de contratación de obras, a reforma da rúa Río, as axudas de conciliación ou o premio Cidades que Camiñan, polo que tamén preguntou TeGa. Este grupo presentou, ademais, cuestións relativas aos aparcamentos habilitados recentemente, o uso das instalacións deportivas, a Escola Municipal de Hostalaría ou o peche cautelar dun negocio de hostalaría, entre outras.

Compartir: