Inicio Carballo ao día Hemeroteca Escolares carballeses participarán nas...

Escolares carballeses participarán nas actividades organizadas por Sogama para a Semana Europea de Prevención de Residuos

O programa “Reducir para sumar” inclúe xornadas informativas nos colexios e a dotación das bibliotecas escolares con libros infantís sobre boas prácticas ambientais

Martes 13 de novembro do 2018 Carballo ao día

Un total de 253 alumnos e alumnas de catro colexios carballeses participarán o vindeiro día 22 nas actividades organizadas por Sogama con motivo da Semana Europea de Prevención de Residuos. Dentro da campaña Reducir para sumar, os/as escolares recibirán a visita de educadores ambientais, que impartirán charlas formativas e informativas nos centros escolares para lembrar a importancia da prevención e da participación activa da cidadanía no sistema de recollida selectiva.

Os colexios participantes tamén serán obsequiados con libros sobre boas prácticas ambientais protagonizados por Os Bolechas. Estes populares personaxes de ficción amosarán aos máis pequenos os xestos precisos para a xestión axeitada dos seus residuos. Como producir menos lixo, Que se fai co lixo que chega a Sogama e Que se bota no contedor amarelo son os tres títulos que pasarán a formar parte do fondo bibliográfico das bibliotecas escolares xunto co conto Mr. Iglú fai amigos, editado por Ecovidrio e Sogama para formar a nenos e nenas na reciclaxe do vidro.

Aínda que a campaña chegará o día 22 aos colexios Fogar, A Cristina, Xesús San Luís Romero e Bergantiños, a intención de Sogama é achegala nas vindeiras semanas ao resto dos centros educativos do noso concello.

Á parte das actividades dirixidas á poboación escolar, Carballo será unha das sedes das diferentes propostas do programa Reducir para sumar, que inclúe accións para traballar a redución de residuos en distintos escenarios e con diferentes públicos. Deste xeito, figura, por exemplo, a edición dun libro de receitas de cociña con sobras, ou a publicación dun manual de boas prácticas en formato dixital.

Compartir: