Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo colabora con Sogama e Humana nas...

Deposita a túa roupa e calzado usados nos contedores específicos para contribuír ao reto de acadar as 100.000 prendas recuperadas en Galicia

Carballo colabora con Sogama e Humana nas actividades da Semana Europea de Prevención de Residuos

O programa “Reducir para sumar” chegará o xoves 22 aos colexios do noso concello para promover a participación activa da cidadanía na recollida selectiva de RSU

Martes 20 de novembro do 2018 Carballo ao día

Do 17 ao 25 de novembro estamos a celebrar a Semana Europea da Prevención de Residuos, que ten coma finalidade promover durante estes oito días diferentes accións de sensibilización sobre recursos sustentables e xestión de RSU. Desde o Concello de Carballo estamos a colaborar con dúas entidades que centran a súa actividade neste eido, Sogama e Humana, para poñer o noso gran de area.

A iniciativa promovida por Humana vai dirixida, en realidade, a toda a cidadanía, porque para esta semana marcase como obxectivo acadar as 100.000 toneladas de prendas nos contedores de roupa e téxtil que ten distribuídos por toda Galicia, 16 deles no noso concello.

Darío Gómez, responsable da área de recollida de Humana en Galicia, advirte de que “apenas se recupera un 10% de todas as pezas que refugamos, o que significa que administracións, organizacións e cidadanía debemos redobrar os esforzos para concienciar aínda máis sobre a importancia de colocar o residuo téxtil no contedor adecuado para que teña unha segunda vida”. A partir do 1 de xaneiro do 2025, a Unión Europea obrigará a realizar a recollida selectiva de residuos téxtiles, e en Carballo queremos adiantarnos a esa obriga con campañas de sensibilización coma esta.

Sogama, pola súa banda, está a desenvolver estes días a campaña Reducir para sumar, que inclúe actividades dirixidas a distintos sectores da poboación. No noso concello, un total de 253 alumnos e alumnas de catro colexios participarán este xoves 22 nas actividades. Os/as escolares recibirán a visita de educadores ambientais, que impartirán charlas formativas e informativas nos centros escolares para lembrar a importancia da prevención e da participación activa da cidadanía no sistema de recollida selectiva.

Os colexios participantes tamén serán obsequiados con libros sobre boas prácticas ambientais protagonizados por Os Bolechas. Aínda que a campaña chegará este xoves aos colexios Fogar, A Cristina, Xesús San Luís Romero e Bergantiños, a intención de Sogama é estendela nas vindeiras semanas ao resto dos centros educativos do noso concello.

Compartir: