Inicio Carballo ao día Hemeroteca Remataron as obras de ampliación do IES...

Remataron as obras de ampliación do IES Monte Neme, que conta agora con cinco edificios diferenciados e especializados

O alcalde, Evencio Ferrero, acompañou esta mañá ao delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, nunha visita ao centro

Xoves 29 de novembro do 2018 Carballo ao día

A visita ao IES Monte Neme tivo lugar esta mañá

A visita ao IES Monte Neme tivo lugar esta mañá

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o IES Monte Neme tras o remate das obras acometidas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional cun investimento de 735.000 euros. O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira Milagros Lantes, acompañaron ao delegado durante a visita, á que tamén se sumou o portavoz do grupo municipal do PP e deputado autonómico Aurelio Núñez.

As obras no IES Monte Neme, que conta este curso con 507 alumnos/as e 61 docentes, incluíron a construción dunha nova edificación de 600 metros cadrados para dar cobertura ao alumnado dos novos ciclos formativos medio e superior da familia de Administración. Ademais deste proxecto, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional investiu noutras actuacións de mellora neste mesmo centro outros 155.000 euros nos últimos anos.

Ovidio Rodeiro destacou que “esta obra é a máis importante que se está realizando na comarca e permite dar resposta a gran demanda de formación que existe nesta concello e na súa contorna ampliando a oferta de FP”. “O que buscamos dende a Xunta de Galicia é ofrecer unha formación de calidade nas mellores condicións posibles”, recalcou. Neste senso, apuntou que “con este novo módulo dentro do recinto para albergar os espazos necesarios para impartir os novos graos o instituto queda perfectamente organizado cos edificios cos que pasará a contar definitivamente, situándose cada ensinanza nun deles. Desta forma damos resposta ás demandas da comunidade educativa e da dirección do centro”.

Distribución do complexo educativo

O Concello de Carballo renovou o ano pasado o pavimento do pavillón deportivo do instituto

O Concello de Carballo renovou o ano pasado o pavimento do pavillón polideportivo do instituto

A construción de planta baixa contén catro aulas de entre 72 e 73 metros cadrados de superficie, equipadas para 30 postos informáticos, aseos masculinos, femininos e adaptado a minusválidos, sala para reunións do profesorado, accesos e corredor de distribución, e ademais os locais técnicos necesarios para tódalas instalacións de electricidade, rede de datos, calefacción, ventilación, etc. Todo isto suma unha superficie útil de 500,30m2 e unha superficie construída de 573,40m2.

No proxecto de ampliación contempláronse ademais algunhas actuacións de reforma en locais do edificio dedicado a secundaria e bacharelato, para acondicionar a biblioteca, unha aula de música, unha aula de plástica e a aula de tecnoloxía. Tamén se recolle a reforma dun pequeno local, na nave de talleres, ademais da substitución dos canlóns de cuberta e dos faldóns traslúcidos da mesma, para solucionar algún problema de filtracións de auga cara ao interior.

Así no edificio principal mantense toda a ensinanza secundaria e o bacharelato; no edificio de talleres, dadas as súas características fabriles e a importancia e cantidade de maquinaria coa que se conta, queda situado o ciclo de mecanizado da familia de fabricación mecánica; nun edificio anexo de construción xa posterior aos dous anteriores quedarán definitivamente instalados os ciclos da familia de electricidade e electrónica; mentres que no edificio novo situaranse os espazos necesarios para os ciclos da familia de administración e xestión. O complexo conta ademais cun pavillón polideportivo para as ensinanzas de educación física da secundaria e do bacharelato. A parcela conta por tanto finalmente con cinco edificios diferenciados e especializados.

Compartir: