Inicio Carballo ao día Hemeroteca Adxudicadas por un total de 326.117€ as obras de...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicadas por un total de 326.117€ as obras de aglomerado das vías Mirón-DP 1902, Bolón-A Gándara e A Ponte-O Moucho

Arrancan os procesos para a contratación do proxecto de reforma e ampliación do centro social de Lema e da xestión da Ludoteca Municipal e os servizos bibliotecarios

Luns 3 de decembro do 2018 Carballo ao día

A Xunta de Goberno Local adxudicou na súa sesión ordinaria de hoxe as obras de aglomerado das vías de Mirón (Bértoa) á DP 1902 (Carballo-Razo), por un importe de 93.890,95 euros; de Bolón á Gándara (Sofán), por 78.087,60 euros, e da Ponte de Bértoa a O Moucho (Berdillo), por 154.138,51 euros. En total, 326.117 euros que permitirán acometer tres importantes proxectos solicitados pola veciñanza a través dos consellos parroquiais. As obras serán executadas pola empresa Lancer Proyectos y Obras, que disporá de 1 mes de prazo a partir da sinatura da acta de comprobación de replanteo.

Hoxe tamén foi adxudicado á UTE formada por Eliseo Fraga Arijón e María de los Ángeles Méndez Vázquez o contrato administrativo de servizos de aluguer de pala e camión con condutor para diversos departamentos municipais. O contrato terá unha duración de 4 anos, con posibilidade de prórroga por un máis. O Concello de Carballo abonará 34 euros/hora (sen IVE) por hora de pala e 39 euros/hora (sen IVE) por hora de camión. O custo anual estimado é de 146.000 euros por un total de 4.000 horas.

Xunto a estes procedementos de contratación que rematan, a Xunta de Goberno Local puxo hoxe en marcha outros, entre eles o das obras de reforma e ampliación do centro social de Lema, por un importe máximo de 182.659,22 euros. O obxectivo do proxecto é acometer unha actuación de mellora integral do edificio que afectará tanto ao exterior coma ao interior e mesmo á parcela na que está situado.

Ludoteca Municipal

Ludoteca Municipal

O Concello de Carballo tamén inicia o expediente de contratación dos servizos de xestión da Ludoteca Municipal por un prazo de 3 anos por un importe total de 98.808,60 euros (IVE incluído). O contrato poderá prorrogarse por un ano máis e tamén se prevén un 10% de horas extraordinarias a un prezo unitario de 16,53€.

Fóra da orde do día foi aprobado tamén o contrato administrativo de servizos bibliotecarios, que saen a contratación tamén para un período de tres anos e por un prezo máximo total de 319.440 euros (IVE incluído). Coma no caso anterior está prevista a posibilidade de prórroga por un ano e dun 10% de horas extraordinarias ao mesmo prezo.

Ademais dos asuntos relacionados co departamento de Contratación, a Xunta de Goberno Local autorizou hoxe a sinatura un convenio de colaboración coa Fegamp e a Consellería de Educación para a utilización do pavillón deportivo do IES Parga Pondal. Tamén aprobou facturas por un importe de 29.454,51 euros e varias licenzas urbanísticas, unha delas para a construción dunha nave destinada a almacén de materiais de imaxe e son no polígono industrial de Bértoa.

Compartir: