Inicio Carballo ao día Novas Cruz Vermella pon en marcha unha nova...

ATA O 21 DE DECEMBRO!

Cruz Vermella pon en marcha unha nova campaña de recollida de xoguetes para manter a ilusión de 130 nenos e nenas

A Escola Basket Xiria e o Concello de Carballo colaboran un ano máis establecendo puntos de recollida nos partidos e adestramentos, no primeiro caso, e na Biblioteca Municipal Rego da Balsa, no segundo

Martes 4 de decembro do 2018

Maica Ures, Carlos Taibo, Matilde Anido e Evencio Ferrero

Maica Ures, Carlos Taibo, Matilde Anido e Evencio Ferrero

Entre as numerosísimas iniciativas solidarias que se desenvolven arredor do Nadal, a recollida de xoguetes da Cruz Vermella ten un significado moi especial, porque ningunha outra campaña consegue coma esta facer felices a tantos nenos e nenas. Este ano serán arredor de 130, e para que eles e elas tamén reciban a visita dos Reis Magos fai falta moita colaboración.

Na Escola Basket Xiria téñeno claro, e dende hai anos participan non só na recollida de xoguetes durante os partidos e adestramentos, senón tamén achegando “man de obra” para que o traballo de clasificar e envolver que hai detrás dunha iniciativa coma esta sexa un pouco máis levadeiro para o voluntariado da Cruz Vermella de Carballo. En representación do club, Carlos Taibo destacou hoxe, na presentación da campaña, que para a Escola Basket Xiria “o aspecto social está ao mesmo nivel que o deportivo. Na parte que nos corresponde na educación dos rapaces consideramos que debemos promover os valores deportivos e tamén os sociais”, resaltou.

Desde a Concellaría de Igualdade e Benestar tamén se establece un punto de recollida na Biblioteca Municipal Rego da Balsa. Alí, ao igual que na sede de Cruz Vermella, poden entregarse os xoguetes ata o dia 21. A concelleira Maica Ures lembrou que deben ser xoguetes novos ou nun estado impecable, “non sexistas e non bélicos”, e destacou que tamén fai falla material para envolvelos.

Tanto Maica Ures coma Matilde Anido, presidenta da Asemblea Local de Cruz Vermella, resaltaron que todos os nenos e as nenas teñen dereito a xogar, e que esta iniciativa trata, precisamente, de que poidan exercer ese dereito. E o alcalde apuntou, na mesma liña, que “a ilusión dun neno non se pode romper. Estamos nunhas datas especiais e máxicas para a infancia”, manifestou Evencio Ferrero, e nese sentido agradecer “este compromiso de solidariedade” de Cruz Vermella e a solidariedade que tan sobradamente ten demostrado o pobo carballés.



Galería

Compartir: