Inicio Carballo ao día Novas A campaña comercial...

A campaña comercial Semecachadescóntovos bate récords coa participación dun cento de establecementos

O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, reuniuse onte cos/as comerciantes para preparar o inminente arranque da iniciativa

Martes 11 de decembro do 2018

A xuntanza celebrouse no auditorio do Fórum Carballo

A xuntanza celebrouse no auditorio do Fórum Carballo

A Concellaría de Promoción Económica volve a apostar moi forte polo comercio local nesta nova edición da campaña Semecachadescóntovos, máis potente ca nunca para incentivar o consumo nos establecementos de proximidade fronte ás grandes superficies e a Internet. Este ano batemos récords, xa que contamos con cen establecementos colaboradores, o que significa que en só catro anos triplicouse a participación, co conseguinte esforzo económico e organizativo por parte do Concello de Carballo.

A campaña arrancará este venres 14, e coma sempre incluirá moitos atractivos que se desvelarán ese mesmo día, na presentación que se celebrará ás 12.45 horas na Casa do Concello. Para ultimar todos os preparativos, onte celebrouse unha xuntanza na que participaron o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira; a técnica da OPE, Paula Lema, e boa parte dos/as cen participantes.

Como en anos anteriores, a participación dos comercios implica o seu compromiso de agasallar aos clientes con descontos do 10% ou o 15% cando consigan ese tipo de premios nas tarxetas que se lles entregarán coas compras. A Concellaría de Promoción Económica farase cargo do custe do resto dos premios, incluídas as experiencias e a viaxe que se sorteará, e ademais asumirá a organización dun intenso programa de actividades paralelas.

Todo elo vai acompañado dunha vistosa campaña de promoción en medios de comunicación e redes sociais que xa comezou a fin de semana pasada coa difusión da mensaxe “Agasalla Carballo”, que se vai converter noutro dos lemas da dinamización permanente do comercio local pola que apostamos dende o Concello. Dentro desa liña de acción inclúese tamén o concurso de escaparatismo, no que está aberto o prazo de inscrición ata o día 17. Atoparedes as bases e os impresos na sección de Avisos da portada desta web.

Compartir: