Inicio Carballo ao día Hemeroteca A estratexia de mellora do espazo público...

A estratexia de mellora do espazo público entra na recta final coa definición das propostas de actuación

O equipo técnico que está a desenvolver o proxecto presentou hoxe a aos grupos municipais as propostas iniciais, que se completarán de novo coas achegas da cidadanía

Martes 11 de decembro do 2018 Carballo ao día

Na xuntanza participaron técnicos e políticos

Na xuntanza participaron técnicos e políticos

Despois de varios meses de traballo, a Estratexia de mellora e xestión do espazo público urbano entra na súa recta final coa definición das propostas de actuación. Nun documento de 142 páxinas, o equipo redactor plasma as súas conclusións sobre aspectos coma a mellora dos modos de transporte non motorizados, a accesibilidade do espazo público, o calmado do tráfico, a ordenación dos accesos aos centros educativos, o fomento do transporte público, a regulación do estacionamento, o aforro enerxético e a mellora da calidade ambiental, a seguridade viaria ou as conexións co litoral, entre moitos outros. É, en definitiva, un documento amplo e moi detallado, que mesmo inclúe a valoración económica das diferentes propostas que o integran, e que servirá coma guía de boas prácticas para seguir construíndo o Carballo do futuro.

Os propios técnicos presentaron hoxe a súa proposta aos grupos da oposición nunha xuntanza na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes; o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera; o arquitecto xefe da Oficina Técnica Municipal, Alfredo Garrote, e as voceiras de Terra Galega, Estefanía Canosa, e o PSOE, Mari Carmen Vila.

Ao igual que nas fases precedentes, nas que se recolleron as achegas tanto dos partidos políticos coma de entidades e cidadanía en xeral, a Estratexia de mellora e xestión do espazo público urbano non será definitiva ata que volva a levarse a cabo este proceso de concertación social. Despois de presentar o documento aos grupos da oposición, o seguinte paso consistirá en poñelo tamén a disposición da cidadanía para, xa de cara ao ano que vén, recoller as súas achegas e valoracións.

O traballo da UTE Iplan Movilidad SL – Tema Ingeniería SL non rematará aí, xa que, tal como establece o cronograma de traballo, despois desa cuarta fase de traballo colaborativo, incorporación das propostas participadas e divulgación, quedará aínda unha quinta centrada no seguimento e o control da estratexia que se defina finalmente.

Compartir: