Inicio Carballo ao día Hemeroteca Mercarte volve ao Mercado Municipal para difundir...

DO 21 AO 23 DESTE MES

Mercarte volve ao Mercado Municipal para difundir o traballo dos/as artistas locais coma un agasallo perfecto para o Nadal

Talleres, actuacións musicais e sorteos complementarán a oferta dos/as 13 artistas participantes nesta edición

Xoves 20 de decembro do 2018 Cultura

Marcos Trigo, Evencio Ferrero e Esther Chamoso, na presentación

Marcos Trigo, Evencio Ferrero e Esther Chamoso, na presentación

Como xa vén sendo habitual polo Nadal, volve Mercarte á segunda planta do Mercado Municipal. Do 21 ao 23 deste mes, organizada pola Asociación Artística Crea Formas, a feira reunirá os mellores traballos dos/as creadores/as carballeses/as e bergantiñáns vinculados ao noso concello. Ademais, tanto pola mañá como pola tarde, haberá obradoiros para nenos/as e maiores, dúas actuacións musicais e un sorteo de dúas obras entre as persoas que merquen nalgún dos postos da mostra. A inauguración está prevista para o venres 21.00 ás 20.00 horas. Mercarte estará aberto de forma ininterrompida de 11.00 a 20.30 agás o domingo 23, que pechará as súas portas ás 15.00. A entrada será balde.

Nesta sexta edición serán trece os artistas que exhibirán e venderán as súas obras, incluídos os traballos dunha editorial independente dedicada á tradución de textos clásicos: Luisa Andrade (cerámica), Luisa Torón (en representación a asociación As Espigadoras; cestería), Carlos Botana, Esther Chamoso, Irmás Cartoné (papelería, cadernos, axendas...), Andrea Fernández ( de La Platanera; ilustración) Laura Torres, Laura Tova, Lidia Cao, Lola Oviedo (colaxe e gravado), María Álvarez Sanmartín (fotografía), Nove Noel e Teresa Candal.

Programa

VENRES 21

  • Inauguración, ás 20.00, e actuación do grupo Lowcos
SÁBADO 22
  • Taller de grilandas e de escultura con barro (de 11.00 a 14.00)
  • Taller de ilustración (18.00 a 20.00)
  • Taller de postais de Nadal (de 18.00 a 20.00)
DOMINGO 23
  • Taller de postais e mural colectivo (de 11.00 a 15.00)
  • Sesión vermú, na que actuará Jass Vibes, un dúo de saxo e guitarra que levará ao Mercado o seu swing (14.00)

Presentación

Mercarte 2018 presentouse está mañá na casa do concello nunha rolda de prensa na que participaron  o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; e a presidenta de Crea Formas, Esther Chamoso.

Trigo deulle a Crea Formas Artísticas os parabéns “por seguir facendo, ao longo destes anos, todas estas actividades; non só Mercarte, senón tamén Arte na Rúa”.

Chamouso agradeceulle ao Concello de Carballo a “grande dispoñibilidade que ofrece, tanto en medios humanos como materiais, para fomentar e incentivar tanto Mercarte como moitas outras actividades que enchen o calendario mes a mes cunha rica programación cultural que nunca pasa inadvertida”. “A nosa asociación -engadiu- ten o convencemento de que Carballo está situado nun punto estratéxico entre A Coruña e Santiago, e mesmo a Costa da Morte, que ofrece unha vantaxe decisiva para chegar a converternos nun dos grandes mercados de Nadal da provincia; por esa singularidade á que me referín e pola diversidade da mostra”.

“Con Mercarte -concluíu- tamén tamén queremos promover e impulsar a dinamización cultural para que nenos e adultos poidan coñecer os distintos procesos de traballo e estimular a creatividade, considerada non só como unha capacidade para crear obras artísticas, senón como un concepto do que forman parte as habilidades para buscar solucións ás dificultades do día a día. O pensamento creativo axúdanos a resolver problemas; potenciar a creatividade é un xeito de nos enriquecer como persoas e de desenvolver unha actividade que contribúe a mellorar a nosa vida, a nosa contorna e, por iso, a nosa sociedade”.

Compartir: