Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comezan as actividades de lecer da campaña...

Comezan as actividades de lecer da campaña comercial de Nadal con rocódromo e tirolina xigante

Entre mañá sábado 22 de decembro e o 6 de xaneiro as familias poden desfrutar con múltiples propostas en distintos espazos urbanos

Venres 21 de decembro do 2018 Carballo ao día

Ademais da tirolina permanente, ata o día 30 haberá outra xigante e un rocódromo no parque Rego da Balsa

Ademais da tirolina permanente, ata o día 30 haberá outra xigante e un rocódromo no parque Rego da Balsa

Agasallos e descontos nos comercios, animación teatral, rocódromos e tirolina, animación infantil, voos en globo, decoración nas rúas, un concurso de escaparates de Nadal que reparte 2.000 euros en premios e o sorteo dunha viaxe a Praga. Todo isto e máis forma parte da campaña de Nadal do Concello de Carballo para dinamizar o comercio carballés co slogan “Agasalla Carballo”, que acompañará á clientela durante estas datas co obxectivo de incentivar as compras e ofrecer alternativas para o tempo de lecer.

A campaña inclúe un feixe de actividades de balde para axudar a que as familias realicen as súas compras e ofrecer alternativas para o tempo de ocio. Comezan mañá sábado 22 de decembro con rocódromo no parque da Praza do Concello e rocódromo e tirolina no Parque do Rego da Balsa en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas. Serán até o 30 de decembro e o día 25 só en horario de mañá (de 11.00 a 13.30 h.).

Xa a partir do 2 de xaneiro e até o sábado 5, as actividades terán lugar no segundo andar do Mercado Municipal con xogos e obradoiros en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 A 21.00 horas. Ademais, a compañía Galeatro ofrecerá un contacontos de balde para todos os públicos o mércores 2 de xaneiro ás 18.00 horas, tamén no Mercado.

Voos en globo por 5 € de compra

Por último, tamén entre o Aninovo e Reis, pero esta vez até o 6 de xaneiro os carballeses e carballesas poderán realizar voos controlados en globo aerostático. Para poder subir haberá que presentar o tícket de calquera compra realizada nestas datas por un valor mínimo de 5 euros en calquera tenda de Carballo participe ou non no programa Semecachadescóntovos (incluídos supermercados, tendas de alimentación, etc.).

O inchable estará situado no Parque do San Martiño os días 2, 3 e 4 de xaneiro de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.00 horas; e no Parque de Rego da Balsa os días 5 (só pola mañá de 10.00 a 14.00 horas) e 6 (só pola tarde, de 16.00 a 20.00 horas). Quen se acheguen poderán realizar un voo no que o globo unicamente subirá sen moverse do sitio para ofrecer unhas fermosas vistas da vila. Este Nadal, agasalla Carballo!

Compartir: