Inicio Carballo ao día Novas Deporte e solidariedade van da man no Torneo...

Deporte e solidariedade van da man no Torneo Triangular de Fútbol que se disputa na véspera de Reis no Carral

A iniciativa da Subdelegación da Federación Galega de Fútbol na Costa da Morte, que conta co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Carballo e a SD Sofán, vai destinada ás familias usuarias da Cruz Ve

Venres 4 de xaneiro do 2019 Deporte

O Carral acolle mañá, desde as 10.00 horas, un torneo triangular de fútbol benéfico no que se enfrontarán o Compostela, o Imperátor OAR e a Selección sub 15 da Costa da Morte. É unha iniciativa da Subdelegación na Costa da Morte da Federación Galega de Fútbol, coa que colaboran o Concello de Carballo, a SD Sofán, Cruz Vermella e a Deputación da Coruña. Aínda que non se cobrará pola entrada, admitiranse doazóns para mercar lotes de produtos de hixiene e de alimentación non perecedoiros, que a Asemblea Local da Cruz Vermella repartirá entre as familias da zona con menos recursos.

Estes son os horariosdos partidos (a dous tempos de 25 minutos e 5 de descanso):

  • 10.00: Selección sub 15-Imperátor
  • 11.00: Compostela-Imperátor
  • 12.00: Selección sub 15-Compostela

O torneo presentouse esta mañá na Casa do Concello nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; Matilde Anido e Ana Veira, do comité local de Cruz Vermella; Ricardo Serrano, presidente do Sofán; Manolo Corredoira, subdelegado na Costa da Federación Galega; Alberto Pose, delegado das seleccións da Costa, e Silvia Cancela, representante do fútbol costeiro na Directiva da Federación.

Corredoira destacou a importancia do evento “dentro do noso obxectivo principal, que é potenciar ao máximo o fútbol da Costa, un fútbol abandonado, mesmo con moitas promesas pero poucas realidades. Pero desde que chegamos –engadiu- fundamos a Subdelegación, temos un local para uso de árbitros, técnicos e xogadores, e creamos as seleccións da Costa de todas as categorías do fútbol base”.

“Do cartel”, rematou, “pouco hai que dicir: ademais do equipo costeiro sub 15 temos a dous dos grandes representantes do fútbol afeccionado galego, o Compostela e o Impeŕator coruñés, polo que estou seguro de que o evento vai ser un éxito deportivo e tamén no aspecto solidario; seguro que mañá no Carral estarán pais, fillos, netos e calquera familiar para apoiar unha causa tan nobre como a da Cruz Vermella”.

Silvia Cancela agradeceu, en nome da Federación, a colaboración do Concello, do Sofán e de Cruz Vermella Carballo na organización “deste torneo que ten un carácter altruísta tan de salientar”.

Alberto Pose referiuse ao “labor tan importante que realiza cada día Cruz Vermella” e centrouse no aspecto deportivo do torneo, “no que poderemos ver o mellor fútbol”.

Ricardo Serrano dixo “estar encantado de que o Sofán poida aportar o seu gran de area nesta iniciativa” e deulle as grazas á Subdelegación da Costa por confiar no club do Carral. “Nós imos facer todo o que está nas nosas mans para que o torneo sexa unha festa do fútbol e todo o mundo se sinta ben acollido”, declarou.

Matilde Anido repartiu agradecementos entre todos os organizadores; en especial, ao Sofán: “Sempre están dispostos a todo para colaborar con nós, é unha marabilla. A Cruz Vermella fai un labor silencioso, pero fai moitas cousas: neste momento temos 180 familias ás que lle axudamos, porque nós non lles damos nada, nós só somos transmisores”.

Evencio Ferrero afirmou: “Carballo é un concello solidario e esa solidariedade exprésase ao longo de todo o ano. Nese sentido o que desexamos para 2019 é que esas situacións de necesidades para algúns, das que falaba Matilde, se poidan paliar pouco a pouco. No caso deste triangular, o Concello colabora prestando O Carral, o mínimo pero imprescindible; se non houbese campo non se podería xogar, pero somos os que menos aportamos: as instalacións, pero ese é o noso deber e para iso están, para darlle o mellor uso, tanto intensivo como, neste caso, solidario”.

Compartir: