Inicio Carballo ao día Novas O plan de extensión da banda larga...

ABERTO ATA O DÍA 31 O PRAZO PARA SOLICITAR AXUDAS PARA AUTÓNOMOS E EMPRESAS ILLADAS

O plan de extensión da banda larga prevé o despregue de fibra óptica en 37 lugares de 14 parroquias entre este ano e o que vén

Telefónica conta cunha subvención da Xunta e o FEADER para instalar redes ultrarrápidas que permitirán servizos de acceso a Internet de máis de 100 Mbps

Martes 22 de xaneiro do 2019

Evencio Ferrero, nunha reunión coa directora de Telefónica en Galicia

Evencio Ferrero, nunha reunión coa directora de Telefónica en Galicia

O Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración permitirá mellorar a cobertura de Internet en 37 núcleos de poboación de 14 parroquias do noso concello, segundo vén de comunicar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. O despregamento de redes ultrarrápidas no noso concello permitirá ir dando resposta a unha reiterada demanda que nos trasladan os veciños e veciñas a través dos consellos parroquiais.

Por unha banda, a compañía Telefónica de España S.A. conta cunha subvención da Xunta e o FEADER de 14,2 millóns de euros para ofrecer servizos de acceso á rede de máis de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica en varios núcleos galegos, entre eles os de Quintáns e Vivente (Ardaña), A Ganduma, O Moucho e Vilarnovo (Berdillo), Queo de Arriba, O Requeixo e Loenzo (Bértoa), Cances da Vila (Cances), O Monte e Ponte Rosende (Carballo), As Torres (Oza) e Bolón e Guntián (Sofán). O investimento xa está en marcha e terá que realizarse entre este ano e o 2020, segundo a información facilitada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Ademais, con cargo ás subvencións concedidas desde o Estado, están xa en curso actuacións que permitirán servizos de acceso ultrarrápido a Internet en Queo de Abaixo, A Rega e O Fondal (Bértoa), Cances Grande (Cances), e Arnados e Razo da Costa (Razo).

Adicionalmente, en novembro de 2018 o Estado concedeu novas subvencións que permitirán servizos de acceso ultrarrápido a Internet nas seguintes entidades: Feira de Berdillo (Artes), O Añón e As Casas Novas (Berdillo), A Ponte e Porto da Rama (Bértoa), A Barreira, A Brea, A Grela, As Labradas e Os Loureiros (Carballo), A Baixa de Entrecruces, Xoane da Estrada (Goiáns), Castrillón (Lema), Imende (Noicela), As Encrucilladas (Oza), Nétoma (Razo) e Rebordelos.

E, previsiblemente, a extensión non rematará aí, porque está previsto que o Estado siga convocando subvencións para que os operadores continúen co despregamento destas redes.

Axudas para autónomos e empresas illadas

A Xunta de Galicia ten aberta ata o 31 de xaneiro unha nova convocatoria de axudas para posibilitar o acceso ao servizo de banda larga ultrarrápida a autónomos e empresas illadas en zonas do rural galego. Esta liña de axudas, enmarcada no Plan de Banda Larga 2020, conta para cun orzamento inicial de 600.000 euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). As empresas e autónomos interesados poderán beneficiarse de subvencións de ata o 100% dos custos necesarios para o acceso a internet de cando menos 30 Mbps , cun máximo de 20.000€ por proxecto. O principal requisito dos solicitantes é o de non dispoñer actualmente de cobertura de máis de 30Mbps ni previsión da mesma.

Para máis información sobre estas axudas podes acceder á seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR604A, ou ben poñerte en contacto coa Oficina de Banda Larga a través da dirección de correo electrónico oficina.bandalarga@xunta.es ou chamando ao 981 95 78 68, en horario de luns a venres de 9:00 a 15:00.

Compartir: