Inicio Carballo ao día Novas Quince mulleres carballesas participaron nun...

Quince mulleres carballesas participaron nun curso da Fundación Amigos de Galicia para formar a profesionais da limpeza

A acción formativa foi subvencionada pola Deputación da Coruña, que estivo representada pola deputada Ánxela Franco na entrega de diplomas

Xoves 31 de xaneiro do 2019

Quince mulleres do noso concello veñen de rematar un curso organizado pola Fundación Amigos de Galicia para formar a profesionais da limpeza co obxectivo de facilitar a súa inclusión sociolaboral. Esta acción formativa está incluída no programa EM-Femenino, subvencionado pola Deputación da Coruña. A responsable da área provincial de Benestar Social, Ánxela Franco, desprazouse ata Carballo para participar na entrega de diplomas xunto a Jesús Busto Peteiro, director xeral da Fundación Amigos de Galicia; Maica Ures, concelleira de Igualdade e Benestar, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.

Jesús Busto animou ás participantes a ser “teimudas” na procura dun emprego e ofreceulles o apoio da Fundación Amigos de Galicia máis alá desta acción formativa. 

Ánxela Franco, pola súa banda, amosou o compromiso da Deputación da Coruña coa igualdade e destacou que o acceso ao traballo é unha ferramenta indispensable para acadala. A deputada provincial anunciou ademais a próxima posta en marcha dun novo programa, financiado pola Unión Europea con 4,5 millóns de euros, que permitirá seguir avanzando cara ese obxectivo en coordinación cos concellos da provincia. 

Evencio Ferrero, pola súa banda, expresou o seu desexo de que o curso resulte de utilidade ás 15 participantes para conseguir traballo e engadiu que o papel das Administracións é poñer os recursos a disposición das persoas para que poidan vivir con dignidade.

Compartir: