Inicio Carballo ao día Novas Retirados en xaneiro os primeiros 38 niños...

Retirados en xaneiro os primeiros 38 niños de avespa velutina do 2019 tras dous anos de moitísima incidencia da praga

As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112 para que dean aviso ao Servizo Municipal de Control de Pragas

Venres 1 de febreiro do 2019

Este é un dos niños retirados o ano pasado, e está exposto na Casa do Concello

Este é un dos niños retirados o ano pasado, e está exposto na Casa do Concello

Despois de dous anos de moitísima incidencia da praga da velutina no noso concello, os datos correspondentes ao primeiro mes do 2019 indican que teremos que seguir loitando contra ela tamén este ano. O Servizo Municipal de Control de Pragas retirou en xaneiro un total de 38 niños, case todos situados en árbores de distintas especies, incluído un kiwi. Case todas as parroquias resultaron afectadas, pero a maior concentración rexistrouse nas de Carballo (10 niños), Sofán (5) e  Rus (5).

No ano 2017 foron retirados 647 niños e no 2018 foron 646, malia a intensa campaña de trampeo, na que foron capturadas máis de 10.000 raíñas, que repetiremos este ano en colaboración cos apicultores e a cidadanía en xeral.

O Concello de Carballo foi pioneiro en Galicia en combater a praga con medios propios, xa que consideramos que a seguridade da poboación debe ser prioritaria. Deste xeito, dende o ano 2017 a loita contra a vespa velutina está incluída no contrato do servizo de control de pragas, que presta a empresa local Plaguiber, e os avisos que se reciben son atendidos en 24 horas na práctica totalidade dos casos. As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112.

Compartir: