Inicio Carballo ao día Novas A coordinadora da Rede de Cidades que...

A coordinadora da Rede de Cidades que Camiñan cualifica Carballo coma “un referente” para as cidades intermedias

Ana Montalbán mantivo unha xuntanza de traballo na Casa do Concello e realizou un completo percorrido pola vila acompañada pola concelleira Milagros Lantes

Sábado 2 de febreiro do 2019

Reunión de traballo na Casa do Concello

Reunión de traballo na Casa do Concello

A coordinadora técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán, estivo este sábado de visita en Carballo. Na xira que está a facer estes días por Galicia non podía deixar de facer parada no concello gañador do Premio Cidades que Camiñan 2018 na categoría de cidades intermedias, de 20.000 a 100.000 habitantes.

Para Ana Montalbán, que é arquitecta e máster en urbanismo, Carballo é “un referente” de transformación urbana para as cidades de tamaño medio por todo o traballo que se vén desenvolvendo nos últimos anos. Máis alá de accións concretas coma os camiños escolares ou a mellora da accesibilidade urbana, para a coordinadora de Cidades que Camiñan é especialmente interesante, polo que ten de novidosa, “a integración dos equipamentos”. En concreto, aludiu á Biblioteca Rego da Balsa, que, xunto coa nova skate-praza, “contribúe a dotar de identidade a todo ese ámbito, un pouco máis alonxado do centro. O que máis me gusta é que o que é un eslogan, facer de Carballo un bo lugar para vivir, despois se materialice”, manifestou.

Milagros Lantes e Ana Montalbán, no percorrido polo centro

Milagros Lantes e Ana Montalbán, no percorrido polo centro

Ana Montalbán iniciou a súa visita a Carballo cun percorrido urbano guiado pola concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, que lle amosou actuacións realizadas en distintos barrios. Despois participou nunha xuntanza de traballo á que se sumaron o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros Luis Lamas e Xosé Regueira, e na que fundamentalmente se recolleron achegas e impresións para a reunión que manterán os responsables da Rede de Cidades que Camiñan co director xeral da DGT o martes 5.

Neste sentido, Ana Montalbán cualificou a Carballo coma “unhas cidades máis activas e implicadas que temos na rede”. Despois da xuntanza continuou coñecendo o noso centro urbano e pola tarde desprazouse a outros puntos do concello.

Compartir: