Inicio Carballo ao día Novas “Eu quero a Carballo”, unha imaxe en positivo do...

“Eu quero a Carballo”, unha imaxe en positivo do noso concello que implica a todas as áreas municipais e á cidadanía

A iniciativa, que se trasladará a diferentes accións ao longo do ano, arrancou na simbólica data do 14 de febreiro, Día dos Namorados

Xoves 14 de febreiro do 2019

Luis Lamas, Evencio Ferrero e Marcos Trigo, na presentación

Luis Lamas, Evencio Ferrero e Marcos Trigo, na presentación

Temos miles de motivos para querer a Carballo, pero non sempre demostramos ese amor polo noso pobo. Por iso, hoxe, nesta simbólica data do 14 de febreiro, lanzamos un convite a toda a cidadanía para que ame ao seu concello e que o demostre a través de prácticas cotiás que poden contribuír a mellorar Carballo e a imaxe que trasladamos tanto internamente coma no exterior.

“Eu quero a Carballo” herda o espírito da famosísima campaña dos anos 70 “I love NY” pero vai máis alá do fin turístico que perseguía aquela. “O obxectivo é trasladar unha imaxe de Carballo en positivo”, explicou o alcalde, Evencio Ferrero, na presentación da iniciativa, na que estivo acompañada polos concelleiros Marcos Trigo e Luis Lamas en representación das diferentes áreas municipais.

Alumnado de secundaria do colexio Artai

Alumnado de secundaria do colexio Artai

Porque “Eu quero a Carballo” é unha campaña transversal. Así, por exemplo, entre as accións que puxemos en marcha hoxe estivo o reparto de bolsas da compra reutilizables en todos os postos do Mercado Municipal, a distribución de marcapáxinas entre todo o alumnado de secundaria e Bacharelato dos tres institutos e do Colexio Artai ou o reparto de dispensadores de bolsas para recoller as deposicións dos cans, unha tarefa na que, como explicou Luis Lamas, contamos coa colaboración do persoal do servizo de limpeza viaria, que os entregará a pé de rúa; da canceira municipal, das clínicas veterinarias da vila e de distintos establecementos frecuentados por propietarios/as de mascotas.

Para reforzar esa imaxe colocáronse bandeirolas en distintas rúas, unha lona no novo soporte da Desiderio Varela e adhesivos de gran tamaño con forma de corazón nos escaparates dos máis de cen establecementos comerciais e hostaleiros adheridos, entre os cales farase mañá un novo reparto porque hoxe esgotamos as existencias.

No Mercado Municipal repartíronse bolsas da compra reutilizables

No Mercado Municipal repartíronse bolsas da compra reutilizables

Aínda que arrancou hoxe, pola simboloxía da data, “Eu quero a Carballo” non é unha campaña específica do Día dos Namorados nin se vai limitar a unhas datas concretas nin a un ámbito concreto. Unha das accións que inclúe a iniciativa é un vídeo que pode verse nas redes sociais do Concello de Carballo (YouTube, Facebook, Twitter e Instagram), no que colaboraron persoas e entidades das 18 parroquias.

E a cousa non remata aquí, porque a partir de hoxe teredes outro material á vosa disposición na Biblioteca Municipal Rego da Balsa, na que agasallaremos un obxecto promocional da campaña con cada préstamo (chapas, pulseiras, adhesivos…). E ademais será o punto de recollida de adhesivos para os parabrisas dos vehículos para todas as persoas interesadas, de balde e ata fin de existencias.

Evencio Ferrero agradeceu expresamente a colaboración e a implicación de todas as empresas, entidades e persoas que se sumaron dun xeito ou doutro á campaña para demostrar o seu amor a Carballo.

Vídeos

Compartir: